02.09.2026. O posto …E para comer, Lugo alcanza estes días o ecuador do seu percorrido con La Vuelta Ciclista a España 2026, na que, por décimo cuarto ano consecutivo, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) promociona, co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, a provincia de Lugo e as súas riquezas gastronómicas e turísticas.
Desde o inicio da competición o pasado 22 de agosto en Mónaco, o equipo da Asociación acompaña o pelotón en todas etapas da proba, levando a promoción lucense por diferentes puntos do percorrido. Estes días a iniciativa alcanza o ecuador dunha acción que continuará ata a chegada final da Vuelta, prevista para o 13 de setembro, en Granada.
Como en edicións anteriores, o punto …E para comer, Lugo instálase nas zonas de saída de cada unha das 21 etapas, concretamente nas áreas VIP habilitadas. Alí, o persoal da Asociación ofrece aos asistentes —ciclistas, patrocinadores, visitantes, autoridades e medios de comunicación, entre outros convidados— aperitivos elaborados con produtos autóctonos, todos eles con selos de calidade, así como material promocional da provincia e destes produtos de calidade, e exemplares da última edición da guía turístico-gastronómica ...E para comer, Lugo.
Tras esta primeira metade do percorrido, a promoción continuará hoxe mércores, 2 de setembro, coa etapa entre Cartagena e Lorca. Nos días seguintes, o posto estará presente nas saídas de Vera (Almería) (o día 3), Almuñécar (Granada) (o día 4), Jaén (o 5 de setembro) e Palma del Río (Córdoba) (o día 6). Despois da xornada de descanso do día 7, a Vuelta retomará a competición en Cortegana (Huelva) (8), Dos Hermanas (Sevilla) (9), El Puerto de Santa María (Cádiz) (10), Vélez-Málaga (11), La Calahorra (Granada)(12) e, finalmente, Granada (13 de setembro).
Deste xeito, …E para comer, Lugo seguirá aproveitando a proxección e a capacidade de convocatoria dunha das principais probas ciclistas do calendario para achegar a gastronomía e os atractivos turísticos da provincia a públicos procedentes de distintos puntos de España e do estranxeiro.
Entre os provedores e entidades colaboradoras figuran os consellos reguladores da Agricultura Ecolóxica (CRAEGA), Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, Queixo Tetilla, Queixo San Simón da Costa, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, Faba de Lourenzá, Grelos de Galicia e Aceite de Quiroga, así como as asociacións Asoporcel, Avimós, Asovega e Afapan. Tamén colaboran Artesanía Alimentaria (Agacal), Armadores de Burela, Galletas Daveiga, Cafés Candelas, El Progreso, INPE, Transportes Valín e Hijos, Grupo Cinematográfico Fonmiñá e Jazz Lugo.