APEHL

IN417Z. Bono Enerxía PEME. Subvencións 2024 para proxectos de mellora enerxética dirixido a autónomos e pemes con actividade do sector servizos

Código de procedemento IN417Z
DOG Núm. 227 do 29 de novembro de 2023

Obxecto
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de  mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalería, artístico recreativa e outros servizos, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Axuda en réxime de concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada da solicitude no rexistro, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

3. As presentes axudas destinadas ás empresas incardínanse no réxime de axudas de minimis.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre varios CNAE, en concreto, para hostalería:

Sección I: hostalería, divisións 55 a 56.

Proxectos subvencionables
Son proxectos subvencionables os investimentos en equipos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas tipoloxías de actuación que se detallan a continuación.
Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2024, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE. No caso de que a solicitude contemple exclusivamente o bono de asesoramento enerxético o investimento mínimo da solicitude establécese en 200 euros por solicitude, sen incluír o IVE.
Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá contemplar unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro dos bonos contemplados. Excepcionalmente permitirase a presentación de dúas solicitudes cando unha delas contemple exclusivamente o bono asesoramento enerxético.

a) Bono asesoramento enerxético:

i) Diagnoses enerxéticas, que inclúan inventario dos principais equipos consumidores do centro de traballo, análise de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía avaliando o custo e aforro económico derivado;

ii) Auditorías enerxéticas, que ademais do contido das diagnoses deben completar a parte de análise de consumos con medicións (análises de combustión de caldeiras, medición consumo eléctrico dos principais equipos consumidores, análise termográfico da instalación, medicións lumínicas, ...) e na parte de proposta de mellora debe analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de telexestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético.

b) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negro e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.

c) Bono iluminación: renovación de equipos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e  escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

d) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).

e) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, ferros, vending, mobles frigoríficos, autoservicio e calquera equipo de consumo
enerxético propio do establecemento sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipos para os que non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e justifican que o novo equipo previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituido. Deberá xustificarse a retirada do equipo existente e a súa entrega a un xestor autorizado.

f) Bono climatización: equipos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida contempla exclusivamente as instalacións fixas, destinadas a climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento, quedando fóra do seu ámbito os equipos móbiles e o non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Os novos equipos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipos para os que non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipo previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Tamén será subvencionable a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriado gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadores accionados mediante infravermellos e outros).

g) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permitan monitorizar as
instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo, enviando alarmas advertindo de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se considerarán elixibles.

Contía da axuda

A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.
Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.
A axuda asociada ao bono de asesoramento enerxético non computará os efectos deste límite, e virá limitada polos custos elixibles máximos establecidos na seguinte táboa en función do consumo do centro de traballo.


Prazo de presentación de solicitudes

  • Inicio de solicitude: desde o 10 de xaneiro de 2024 ás 9:00 h.
  • Fin de solicitude: 26 de xuño de 2024.
Descargar documentación