Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, de 27 de outubro, do turismo de Galicia.
En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hostaleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos.
b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares).
2. Para o caso da liña 1.1, poderán ser beneficiarias das axudas as empresas titulares de adegas vinculadas a establecementos turísticos. As adegas beneficiarias da subvención deberán inscribirse como recursos turísticos no REAT antes da finalización do período de justificación.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.
No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
Actuacións subvencionables e contías
Pódense diferenciar tres tipoloxías de proxectos subvencionables:
a) Liña 1: adecuación e embelecemento de establecementos enoturísticos.
Trátase de proxectos de reforma e rehabilitación de establecementos turísticos para a posta en valor de servizos de enoturismo, entendidos como aqueles servizos específicos de adega e desenvolvemento de actividades dirixidas ao coñecemento e divulgación de todo o relacionado co viño e a viña, a súa elaboración, crianza, coidados, servizo, harmonías, cata e degustación.
Tamén se inclúen proxectos de adecuación de adegas, vinculadas a establecementos turísticos, que permitan ser visitadas polos/as turistas. Inclúe a implantación dun proxecto novo ou ampliación dun proxecto existente, que poderá consistir na adecuación do centro para a recepción e atención de visitantes, adecuación do percorrido para visita, así como os espazos destinados a exposición ou museo.
O establecemento turístico obxecto da axuda deberá estar vinculado a unha adega e/ou a parte dos seus viñedos, de maneira que cumpra os seguintes requisitos no momento de presentación da solicitude de axuda:
A adega obxecto da axuda deberá estar vinculada a un establecemento turístico de aloxamento ou restauración, de maneira que cumpra os seguintes requisitos no momento de presentación da solicitude de axuda:
Para a acreditación dos requisitos anteriores, deberá achegarse unha memoria explicativa do proxecto enoturístico, con indicación das actividades que se van a desenvolver, as adegas involucradas nas actividades e o persoal profesional que realiza o servizo de visita, ben sexa persoal propio da entidade con experiencia acreditada, ben un/unha profesional que conte coa habilitación de guía turístico/a.
Así mesmo, deberá achegarse documentación que acredite que a entidade solicitante é titular da adega, ou ben, no caso de que a adega teña outra titularidade, o acordo firmado entre as partes cunha duración de, polo menos, tres (3) anos. Non será necesaria a achega do acordo firmado para o caso de establecementos turísticos e adegas que formen parte das Rutas do Viño de Galicia, nese caso será suficiente coa achega do certificado de adhesión.
b) Liña 2: proxectos dixitais vinculados a recursos turísticos enogastronómicos.
Proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración para a posta en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos de Galicia que contan cuns requirimentos de calidade demostrada, tanto polos factores naturais nos que se desenvolven como pola elaboración humana, así como aqueles que garanten que superaron os controis e normativas de calidade establecidos tanto na súa elaboración como na obtención das súas materias primas, creación e deseño. Inclúe os produtos que conten con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade.
Inclúe a creación de programas de desenvolvemento de contornas intelixentes que favorezan experiencias de turismo enogastronómico para os/as visitantes (conectividade, uso de aplicacións móbiles, realidade aumentada, creación de contornas de realidade virtual, xogos, visitas virtuais...).
Tamén inclúe o desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao márketing turístico, a personalización, o desenvolvemento de contidos audiovisuais de calidade e o uso de ferramentas interactivas (photocall interactivo, cartelaría interactiva...).
O proxecto dixital que se desenvolva deberá acreditarse na memoria explicativa que se achegue coa solicitude.
c) Liña 3: ampliación e mellora da capacidade de aloxamento do entorno turístico para a posta en valor da enogastronomía de Galicia.
Proxectos de reforma e ampliación en establecementos turísticos de aloxamento que impliquen a dotación de novas prazas de aloxamento, respecto das inscritas no REAT, e que estean vinculados á posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas. As experiencias deberán incluír entre os seus produtos principais, polo menos, un produto que conte con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Geográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade.
A experiencia enogastronómica que se desenvolva deberá quedar acreditada na memoria explicativa que se achegue coa solicitude.
Importe da axuda
A intensidade da axuda será ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto e a inversión neta admitida será, como máximo:
Prazo de presentación
Ata o 19 de xuño de 2024.
Descargar documentación