Obxecto
A finalidade desta orde é evitar o peche de negocios por falta de traspaso xeracional, ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de coller o testemuño dun negocio xa viable economicamente.
O relevo, para ser subvencionable, deberá estar motivado pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio. Tamén pode estar motivado por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou a morte.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias do Bono relevo as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037.
Requisitos principais do proxecto
Que o negocio obxecto de relevo debe ter o domicilio social e fiscal e/ou o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos.
Que non transcorreran máis de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA e no IAE da persoa titular do negocio, e que se trate da mesma actividade do negocio que se relevou e se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia do mesmo. A estes efectos, enténdese por mesma actividade a que coincida polo menos a nivel de 2 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou cunha actividade equivalente.
Que o negocio ou actividade obxecto de relevo estea inscrito na Bolsa de relevo da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia. (Poderá inscribirse de maneira presencial en calquera dos 12 polos activos na Comunidade Autónoma de Galicia ou a través da páxina web: https://polosemprendemento.gal/relevo-de-negocios). Exceptúanse deste requisito os negocios que foron obxecto de relevo antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Que a transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública, no que necesariamente deberá constar o prezo total e a indicación expresa do relevo como obxecto de dito contrato. A efectos da concesión de axudas, será suficiente cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas no que figure igualmente o prezo total e o obxecto de dito acordo.
No caso de transmisión de persoas autónomas societarias, detallarase a porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que a persoa ou sociedade adquirinte pasa a posuír, que, necesariamente, deberá ser superior ao 50 % para obter a condición de beneficiaria.
O contrato conterá unha descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.
Que se realice o cambio de titularidade da licenza de apertura e/ou actividade no concello correspondente ou, se é o caso, a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, nos casos en que así o requira a lexislación vixente.
As beneficiarias deberán ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.
Investimentos e gastos subvencionables
O Bono relevo subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de relevo dun negocio ou actividade con domicilio social e fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda acceda ao relevo mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos, o importe a percibir será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugueiro. Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2024, salvo nos casos de acceso ao relevo mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos.
Contía das axudas
Na liña 1: Bono relevo rural subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de relevo. Na liña 2: Bono relevo xeral subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de relevo. A contía máxima subvencionable por relevo será de 30.000 euros.
Descargar documentación