Gastos subvencionables
1. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade e sustentabilidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca Q de Calidade Turística e/ou da marca S de Sustentabilidade Turística do ICTES, correspondentes ao ano 2024 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2024.
Concretamente, serán subvencionables:
• Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados pola entidade auditora acreditada polo ICTES para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación correspondente ao ano 2024, da marca Q de Calidade Turística e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística.
Non se terán en conta as xustificacións de gasto das auditorías internas realizadas polas entidades solicitantes no servizo/recurso turístico, e quedan excluídos tamén os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra a persoa ou entidade solicitante durante o proceso de implantación do correspondente referencial de calidade e/ou sustentabilidade. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría externa realizada no ano 2024.
• Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q e/ou da marca S no ano 2024, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTES ao establecemento.
Serán obxecto destas axudas os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, así como as cotas dos dereitos de uso da marca S de Sustentabilidade Turística do ICTES do ano 2024 (referenciais UNE-ISO 21401:2019 ou ESP 33 AUD 21, segundo a tipoloxía da persoa ou entidade solicitante), para aquelas persoas ou entidades que conten previamente e/ou ao mesmo tempo coa certificación Q de Calidade Turística e/ou Compromiso de Calidade Turística SICTED para ambas as categorías, baixo a norma de calidade específica e/ou oficio SICTED para o sector que corresponda á entidade solicitante.
2. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.
4. Poderá subcontratarse a actividade obxecto da subvención nun 100 %, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Beneficiarios
Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:
Categoría 1ª: os concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local recollidas no artigo 85.2.A da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
Categoría 2ª: as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos.
Prazo de presentación
Ata o 08/07/2024
Porcentaxe subvencionable e importe máximo subvencionable
1. A porcentaxe máxima de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase en base a
puntuación que alcancen os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación:
| Puntuación | % axuda |
| 71-100 puntos | 70 % |
| 41-70 puntos | 65 % |
| 0-40 puntos | 60 % |
2. En calquera caso, as subvencións concedidas non poderán superar os seguintes límites máximos:
– 2.000,00 euros para os procesos de 1ª certificación e/ou renovación da marca Q (3.000,00 euros se inclúen proceso da marca S) e 1.500,00 euros para procesos de seguimento (2.500,00 euros se inclúen proceso da marca S). No caso de solicitar unicamente 1ª certificación e/ou renovación da marca S, 1.000,00 euros.
– Para as solicitudes cuxa auditoría externa se realice mediante a modalidade multi-site, o importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 3.000,00 euros para procesos de 1ª certificación e/ou renovación da marca Q (4.000,00 euros se inclúen proceso da marca S) e de 2.000,00 euros para procesos de seguimento (3.000,00 euros se inclúen proceso da marca S). No caso de solicitar unicamente 1ª certificación e/ou renovación da marca S, 1.000,00 euros.