Beneficiarios
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas, que sexan pemes, que estean dadas de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria e que sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda.
En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos: a) Os establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos. b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares).
Requisitos principais do proxecto
Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre a data de presentación da solicitude de axuda e o 30 de abril de 2025.
Investimentos e gastos subvencionables
A. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica que se realicen na envolvente térmica do edificio completo, dun local ou sobre partes dun edificio destinado a establecemento turístico, que separan os recintos habitables do ambiente exterior (aire, terreo ou outro edificio) e as particións interiores que separan os recintos habitables dos non habitables. As actuacións enerxéticas consideradas dentro desta medida serán aquelas que consigan unha redución da demanda enerxética de calefacción e refrixeración do edificio completo, dun local ou sobre partes dun edificio destinado a establecementos turísticos, mediante actuacións sobre a súa envolvente térmica. As actuacións enerxéticas sobre a envolvente térmica poderán contemplar solucións construtivas convencionais e non convencionais. O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 20.000,00 €.
B. Mellora da eficiencia enerxética e de enerxías renovables nas instalacións térmicas, reguladas polo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE).
a) Solucións de aerotermia e hidrotermia de alta eficiencia enerxética que impliquen a substitución total ou parcial de equipos de xeración térmica existentes que permitan mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria. As instalacións de aerotermia e hidrotermia mediante bomba de calor deberán ter un rendemento medio estacional (SPF) superior a 2,5.
b) Sistemas de ventilación natural e forzada.
c) Sistemas de arrefriamento gratuíto por aire exterior.
d) Sistemas de recuperación de calor e do aire de extracción e aproveitamento de enerxías residuais.
e) Sistemas que utilicen técnicas evaporativas que reduzan o consumo de enerxía da instalación: arrefriamento evaporativo, condensación evaporativa, pre-arrefriamento evaporativo do aire de condensación, arrefriamento evaporativo directo e indirecto previo á recuperación de calor do aire de extracción, etc.
f) Tamén serán subvencionables os equipos para a mellora da calidade e salubridade do aire de ventilación, a condición de que o sistema proposto aforre enerxía respecto a unha solución técnica de referencia, alternativa á proposta que obteña a mesma calidade e salubridade do aire que, a título indicativo e non limitativo, se relacionan a continuación: – Implantación de sistemas de xestión da calidade do aire. – Incorporación regulación de ventilación por concentración de CO2. – Actuacións para mellora da calidade do aire CAI, mediante aumentos de caudais de aire, filtrado de aire de recirculación, uso de purificadores, etc.
g) As actuacións realizadas deberán cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE), así como coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.
h) Para a verificación do aforro enerxético esperado será necesario presentar o Certificado de eficiencia enerxética do inmoble no seu estado final, considerando realizadas as actuacións previstas.
i) O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 20.000,00 €.
C. Instalacións fotovoltaicas para autoconsumo. Reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante o uso da enerxía solar fotovoltaica para a produción de electricidade. O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 20.000,00 €.
D. Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación. Serán consideradas subvencionables todas aquelas que permitan mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación interior, dos edificios, locais ou partes dos edificios en uso destinados a establecementos turísticos, así como a iluminación exterior ornamental e aparcadoiros de vehículos ao aire libre anexos ao edificio. O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 5.000,00 €.
E. Renovación de electrodomésticos. Considéranse custos elixibles os derivados da compra, transporte e instalación do electrodoméstico novo, así como o custo da retirada do antigo. O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 5.000,00 €.
F. Sistemas de automatización e control. Serán actuacións subvencionables a instalación dun novo sistema de automatización e control global, a ampliación ou mellora dun existente, a condición de que se reduza o consumo enerxético do edificio completo, local ou parte do edificio, mantendo ou mellorando as condicións de confort e salubridade establecidas pola normativa. O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 20.000,00 €.
Contía das axudas
A intensidade da axuda será ata un 70 % do custo total subvencionable do proxecto. Poderán optar a unha axuda dun 10 % adicional aqueles proxectos que acrediten un aforro de enerxía primaria non renovable dun 20 %, sen que o total da axuda poida exceder do 80 % do custo total subvencionable.
Poderán optar a unha axuda dun 20 % adicional aqueles proxectos que acrediten un aforro de enerxía primaria non renovable dun 30 %, sen que o total da axuda poida exceder do 90 % do custo total subvencionable.
Prazo de presentación
Ata o 14/11/2024.
Descargar documentación