APEHL

IN417Z. Bono Enerxía Peme 2025

Código de procedemento IN417Z

Obxecto
Subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos do sector servizos dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos.

Prazo de solicitude
Desde o día 17 de xaneiro ás 9:00 h e remata o 25 de xuño de 2025.

Beneficiarios
Empresas legalmente constituídas e autónomos que teñan o seu domicilio ou centro de traballo en Galicia, e cuxa actividade estea incluída nos CNAE 2009 correspondentes a:

  • Comercio por xunto e polo miúdo.
  • Reparación de vehículos a motor e motocicletas.
  • Transporte e almacenamento.
  • Hostalaría.
  • Información e comunicacións.
  • Actividades financeiras e de seguros, inmobiliarias, actividades profesionais, científicas e técnicas, actividades administrativas e servizos auxiliares, educación, actividades sanitarias e de servizos sociais, actividades artísticas, recreativas e de entretemento, outros servizos.

Investimentos e gastos subvencionables

  1. Conceptos subvencionables
    A inversión mínima para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE. No caso de que a solicitude contemple exclusivamente o bono de asesoramento enerxético, a inversión mínima da solicitude establécese en 200 euros por solicitude, sen incluír o IVE.
    Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá contemplar unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro dos bonos contemplados. Excepcionalmente permitirase a presentación de dúas solicitudes cando unha delas contemple exclusivamente o bono de asesoramento enerxético. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 1 de outubro de 2025:

a) Bono asesoramento enerxético:
i) Diagnosis enerxéticas, que inclúan inventario dos principais equipos consumidores do centro de traballo, análise de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía avaliando o custo e aforro económico derivado.
ii) Auditorías enerxéticas, que ademais do contido das diagnosis deben completar a parte de análise de consumos con medicións (análise de combustión de caldeiras, medición consumo eléctrico dos principais equipos consumidores, análise termográfico da instalación, medicións lumínicas, ...) e na parte de proposta de mellora debe analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de telexestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético.
As empresas que realicen os traballos deben estar dadas de alta no “Listado de empresas interesadas en prestar servizos de diagnosis/auditoría enerxética no contexto do programa Bono Enerxía Peme”.

b) Bono envolvente: Elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.

c) Bono iluminación: Renovación de equipos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

d) Bono instalacións eléctricas: Mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo un subministro con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros aforradores ou similares).

e) Bono equipamento: Renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, ferros, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipo de consumo enerxético propio do establecemento sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetado oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipos para os que non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipo previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Deberá xustificarse a retirada do equipo existente e a súa entrega a un xestor autorizado.

f) Bono climatización: Equipos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida contempla exclusivamente as instalacións fixas, destinadas a climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento, quedando fóra do seu ámbito os equipos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Os novos equipos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetado oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipos para os que non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipo previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Tamén será subvencionable a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).

g) Bono inmótica: Sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permitan monitorizar as instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo, enviando alarmas advertindo de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se considerarán elixibles.

Contía das axudas
80 % do custo da actuación, cun límite máximo de 6.000€ por solicitude.

 

 

Descargar documentación