Código de procedemento TR349F
Obxecto
Incentivar a contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas realizadas polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.
Inclúense dous tipos de axuda compatibles:
a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
b) Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionadas co posto de traballo.
Prazo de solicitude
Desde o día 24/01/2025 ao 30/09/2025.
Bono de incentivos á contratación
1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que as persoas contratadas sexan desempregadas conforme o concepto definido no artigo 5.1 desta orde.
Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.
b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 e ata o 30 de setembro de 2025, ambas as dúas datas incluídas.
c) Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.
d) Que estean comunicadas ao Servizo Público de Emprego, a través da aplicación Contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.
2. A contratación deberá ser indefinida inicial, incluídos os contratos fixos-descontinuos. O período de actividade no caso do contrato fixo-descontinuo deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano.
3. O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial; neste último caso para ser subvencionable deberá ter unha xornada mínima do 50 %, desde o seu inicio, respecto da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.
4. Subvenciónanse ao abeiro desta orde a primeira, a segunda e a terceira contratación indefinida inicial que realice a persoa autónoma ou a persoa profesional.
I. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida.
II. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial, sempre que con anterioridade á formalización deses contratos existan no cadro de persoal da persoa ou entidade solicitante, unha (para a segunda contratación) ou dúas (para a terceira contratación) persoas contratadas indefinidas.
De non existir persoas contratadas no momento previo á nova contratación indefinida, entenderase sempre como primeira contratación.
Bono de incentivos á formación
1. As persoas autónomas ou profesionais que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio do bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:
a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma cuxo contrato se subvenciona a través do bono de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen no artigo 25 desta orde.
b) A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa
neste programa.
c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data de inicio do contrato da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de outubro de 2025.
2. Queda excluída deste bono de incentivos á formación aquela formación que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
Descargar documentación