Código de procedemento: TR880A
Prazo de solicitude
21/05/2025 - 30/06/2025
Persoas beneficiarias:
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas, así como as sociedades cooperativas e laborais, que cumpran os dous requisitos seguintes: que se constituísen ou desen de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2023.
As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
b) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último exercicio no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.
c) Terse constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e ter iniciado a súa actividade económica no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data de presentación da solicitude.
d) Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
e) Estar ao día no pagamento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social para poder obter subvencións.
f) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
Non poderán ser beneficiarias desta subvención aquelas iniciativas de emprendemento que obtivesen resolución favorable ao abeiro da Orde do 29 de setembro de 2022 (DOG núm. 187, do 30 de setembro), da Orde do 28 de xuño de 2023 (DOG núm. 127, do 5 de xullo), e da Orde do 16 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 25, do 5 de febreiro).
Requisitos principais do proxecto:
Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose, para estes efectos, as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de plena propiedade da persoa beneficiaria antes da finalización do prazo de execución do proxecto, debendo constar, nese momento, o vencemento e o pagamento das cantidades aprazadas.
As inversións deberán estar realizadas e pagadas dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xullo de 2024 ata a data de presentación da solicitude.
A inversión en bens inscribibles nun rexistro público deberá ser mantida, coa correspondente vinculación á actividade económica subvencionable e no centro de traballo situado en Galicia, durante os 5 anos seguintes á data do pagamento final á persoa beneficiaria. O resto da inversión deberá manterse nas mesmas condicións durante 2 anos desde esa mesma data.
No caso dos gastos notariais e/ou rexistrais, estes estarán subvencionados cun máximo de 300 € por persoa beneficiaria. No caso do alugueiro, subvencionarase cun máximo de 1.500 € por persoa beneficiaria. Estes importes incrementaranse nun 10 % no caso de que o proxecto de investimento evite o peche dun negocio por remuda do mesmo.
O importe mínimo das facturas que se poderán ter en conta nesta orde será de 300 €, IVE excluído.
Investimentos e gastos subvencionables:
1º. Equipamento informático.
2º. Activos intanxibles: activos sen materialización física ou financeira.
3º. Investimentos en eficiencia enerxética.
4º. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.
5º. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.
6º. Gastos notariais e/ou rexistrais (gasto corrente).
7º. Gastos de alugueiro de inmobles para a realización da actividade para a que se solicita a subvención (gasto corrente).
8º. A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man será subvencionable sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
– Que os activos sexan adquiridos a unha terceira persoa non relacionada coa persoa compradora.
– Que conste unha declaración da persoa vendedora sobre a orixe dos bens e sobre o feito de que non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
– Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo de bens novos similares, o cal deberá acreditarse mediante certificación dun/unha taxador/a independente ou dunha empresa subministradora de bens da mesma tipoloxía que os bens de segunda man obxecto da transacción.
Contía das axudas:
a) Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 20.000 €, a contía da axuda será do 55 % do investimento.
b) Con investimentos de 20.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.
c) Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 60.000 €, a contía da axuda será do 45 % do investimento.
No caso de que o proxecto de investimento evite o peche dun negocio por falta de relevo xeracional e facilite que a persoa interesada en emprender poida recoller o testemuño dun negocio economicamente viable, a porcentaxe de intensidade correspondente ao rango de investimento realizarase cun incremento do 10 %.
Descargar documentación