Convócanse axudas que se concederán por orde de entrada e que están destinadas a establecementos turísticos para actuacións que contribúan a unha maior integración coa paisaxe e respecto dos valores ambientais, así como a mellora da fachada e a corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras, de xeito que contribúan ao embelecemento do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia e a un turismo sustentable.
Beneficiarios
Persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en concellos costeiros, dentro do marco xeográfico do litoral de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda.
En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
• Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos
• As empresas de restauración (restaurantes, cafeterías e bares)
Requisitos principais do proxecto
As persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).
Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 30 de xuño de 2026.
En todo caso, o investimento subvencionable non poderá estar finalizado antes de que se dite a resolución de concesión da subvención.
Investimentos e gastos subvencionables
Liña 1: eficiencia enerxética. Será subvencionable a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación para reducir o consumo de enerxía das instalacións de iluminación de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico.
a) Luminarias, lámpadas e equipamento: substitución do conxunto por outro con luminarias de maior rendemento podendo incluír tecnoloxía TIC, lámpadas de maior eficiencia e reatancias electrónicas regulables e que permitan reducir a potencia instalada en iluminación, cumprindo cos requirimentos de calidade e confort visual regulamentados.
b) Sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais de acendido e regulación de nivel de iluminación: incluirán aqueles sistemas de control por presenza, por zona do edificio completo, local ou parte do edificio destinado a establecemento turístico, ou regulación de nivel de iluminación segundo a achega de luz natural.
c) Cambio de sistema de iluminación: recolocación dos puntos de luz con utilización das tecnoloxías anteriores, de xeito que se reduza o consumo eléctrico anual respecto ao sistema actual de iluminación.
d) Sistemas e elementos que permitan o control remoto ou o control automático por medios dixitais de instalacións destinadas a controlar:
— Sistemas de iluminación eficientes, axustándoos ás necesidades de cada momento.
— Sistemas de control automático de toldos, persianas ou cortinas do edificio completo, local ou parte do edificio destinado a establecemento turístico, que permitan o aproveitamento óptimo da luz solar.
— Sistemas de control automático do acendido, apagado e regulación da iluminación dos edificios completos, locais ou partes de edificios destinados a establecementos turísticos.
Investimento máximo admitido: 25.000€.
Liña 2: dixitalización de recursos con potencial turístico no litoral. Serán subvencionables:
— Gastos derivados da transformación dixital.
a) Instalación de novos PMS (property management system) e ERP (enterprise resource planning) e integración de PMS e ERP actuais.
b) Instalación de novos CRM (customer relationship management), tanto integrados con PMS como non integrados.
c) Instalación dun channel manager.
d) Instalación de ferramentas de visualización, consulta e análise de datos.
e) Implementación de motores de reserva.
— Gastos relacionados co desenvolvemento de códigos QR para o ámbito turístico.
— Gastos relacionados co desenvolvemento de ferramentas dixitais para coñecer o destino antes de visitalo: mapas con ligazóns a localizacións, vídeos de lugares turísticos, percorridos virtuais, imaxes 360°, galerías interactivas, guías interactivas turísticas para promocionar os atractivos turísticos da contorna, que facilite, aos/ás turistas nacionais e do estranxeiro, información relacionada con eles (historia, horarios, recursos naturais, etc.) en diferentes idiomas. Isto inclúe visitas virtuais, vídeos e fotos de ríos, praias, covas, monumentos e lugares históricos utilizando o GPS.
Investimento máximo admitido: 15.000€.
c) Liña 3: mellora da fachada do litoral galego.
— Revestimento e/ou pintado de paramentos cegos de fachada que actualmente estean finalizados con materiais ou solucións construtivas non axeitadas para quedar á vista, como fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, formigón ou morteiro de cemento.
— Renovación do acabado dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou pecharías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da cor de acabado actual.
Considerarase como deficiente estado de conservación aquel no que se atopen os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas, tales como: descascado, humidades ou manchas permanentes, quedando excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza. Considéranse incluídos os casos de fachadas de cachotaría ou cantería que precisen a realización ou renovación dos morteiros de xuntado.
— Remate ou renovación do acabado exterior de cubertas que, ben por estaren rematadas con pranchas de fibrocemento ou solucións construtivas non axeitadas para quedar á vista, ben por atopárense nun deficiente estado de conservación, constitúen un impacto paisaxístico. Considéranse incluídas as unidades de obra relativas a elementos ou intervencións inherentes e imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais, así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.
— Revestimento dos muros de peche da parcela onde se sitúa o establecemento turístico, realizados con ladrillo ou bloques de formigón sen revestir. Inclúe a recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais, co obxecto de evitar o potencial impacto paisaxístico que produciría a súa perda, así como o que produce o seu mal estado de conservación.
Neste caso, as actuacións deberán respectar a tipoloxía e morfoloxía orixinal do muro en cada caso e deberanse empregar os mesmos materiais e técnicas coas que foron construídos.
Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou pecharías exteriores integradas nos peches de parcelas, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da cor de acabado actual. Deberanse aplicar criterios de sustentabilidade en todas as reformas, de xeito que as obras a executar sexan respectuosas coa contorna e estean adaptadas ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental: procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables.
— Gastos de elaboración do proxecto de obra e honorarios e custos da dirección facultativa das actuacións. Será subvencionable por este concepto ata o 5 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 5.000,00 euros.
Investimento máximo admitido: 250.000€
Contía das axudas
80 % do custo total subvencionable do proxecto.
PRAZO DE SOLICITUDE
Desde o 12 de setembro de 2025 ata o 12 de novembro de 2025.