APEHL

TU503K. Subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, estacións de reparación e puntos de recarga nas Rutas do Viño de Galicia

Código de procedemento TU503K
DOG Nº 235 de 04 de decembro de 2025

Obxecto
Axudas para establecementos turísticos de aloxamento e adegas situadas nos territorios das cinco Rutas do Viño de Galicia para a adquisición, instalación e posta en funcionamento de bicicletas e patinetes eléctricos, estacións de reparación e puntos de recarga, así como para a creación dun sistema de xestión destes vehículos eléctricos e a comunicación destas experiencias, promovendo as sinerxias entre os actores que as conforman así como fomentando a mellora da experiencia enogastronómica e a posta en valor dos produtos vitivinícolas.

Beneficiarios
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen nos establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas
turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

2. Así mesmo, poderán ser persoas beneficiarias as empresas titulares de adegas. As adegas beneficiarias da subvención, de non estar xa inscritas no REAT, deberán inscribirse como recursos turísticos no REAT antes do remate do período de xustificación. As adegas deberán achegar unha memoria e fotos que acrediten que teñen unha zona visitable para turistas, con zona de cata e degustación de produtos da zona, museo ou sala de exposicións, percorridos polos viñedos ou calquera actividade que poña en valor os viños da adega ou produtos de proximidade.

3. Esta actuación afecta as cinco rutas do viño de Galicia e a súa área de influencia, polo que tanto os establecementos turísticos de aloxamento como as adegas deben estar situados no territorio das cinco denominacións de orixe:
DOP Monterrei
DOP Rías Baixas
DOP Ribeira Sacra
DOP Ribeiro
DOP Valdeorras

No caso das adegas, deberá acreditarse a adhesión a algunha das rutas do viño de Galicia no momento de solicitar a subvención, para o que bastará a certificación de socia expedida por unha das cinco rutas do viño de Galicia.

4. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases.

Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate no momento da presentación da solicitude de axuda.

Para os efectos das presentes bases, consideraranse microempresas e pemes as empresas que respondan á definición de microempresa e peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Prazo de presentación
15/12/2025 09:00 - 16/02/2026 20:00 h

Descargar documentación