Código de procedemento MR708A
DOG nº 11 do 19 de xaneiro de 2026
Obxecto
O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras das subvencións a proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, co fin de reforzar o tecido produtivo empresarial nas zonas rurais de Galicia mediante o apoio á adquisición de bens de equipo inherentes á actividade empresarial que están a desenvolver as empresas existentes, co fin de mellorar, ampliar ou modernizar as súas estruturas de produción e/ou servizos, e convocar as correspondentes ao ano 2026. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Beneficiarios
a) As pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2025.
b) Persoas físicas que residan nunha zona rural: as persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2025.
c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.
Prazo de presentación
Desde o 20/01/2026 ata o 19/02/2026
Requisitos principais do proxecto
O proxecto debe presentar un orzamento elixible entre 20.000 € e 300.000 €.
Non estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.
Desenvolverse no territorio de Galicia.
Ser finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os que se lles concedeu a axuda.
Ser viables técnica, económica e financeiramente.
Investimentos e gastos subvencionables
A adquisición de bens de equipo co obxectivo de mellorar, ampliar e/ou modernizar pequenas empresas que desenvolven actividades produtivas non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:
1º) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.
2º) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios cun orzamento elixible inferior a 100.000 €.
3º) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos agrícolas e forestais, e das empresas de servizos enerxéticos, así como das empresas que presten servizos nos sectores de hotelaría (incluíndo todo tipo de empresas de aloxamento turístico), hostalería e restauración.
4º) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de persoas maiores, de persoas con discapacidade, …).
5º) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.
6º) Artesanía e actividades artesanais.
7º) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.
8º) Comercio polo miúdo.
Contía das axudas
A axuda será do 50 % dos gastos subvencionables.