APEHL

TR353C e TR353E. Axudas para a primeira experiencia profesional das persoas mozas 2026

Código de procedemento TR353C e TR353E.

Descrición

Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2026, de subvencións para a contratación por conta allea que realicen as empresas e persoas empregadoras co fin de facilitar a mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego unha primeira experiencia profesional mediante contratos formativos.

Persoas beneficiarias

Para o PROGRAMA I, poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas traballadoras autónomas, as comunidades de bens e as sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións establecidos nesta orde.

Tamén poderán ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, agás para a realización de contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.

Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes será do 16 de xuño ao 30 de setembro de 2026.

Requisitos principais do proxecto

Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa. O período durante o que se deberán realizar os contratos formativos para seren subvencionables será desde o 16 de outubro de 2025 ata o 30 de outubro de 2026. No caso de novas contratacións, o prazo máximo para realizalas será dun mes desde a recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, ata o 30 de outubro de 2026.

No caso de que o prazo dun mes para a realización dos contratos se estenda máis alá do 30 de outubro de 2026, esta será, en todo caso, a data límite para contratar (30.10.2026).

O número máximo de contratos subvencionables establécese en 3.

As persoas empregadoras e empresas beneficiarias das axudas previstas nesta orde que non realicen, como mínimo, o 50 % das contratacións que lles fosen concedidas serán excluídas da próxima convocatoria.

Investimentos e gastos subvencionables

As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a formalización de contratos para a obtención da práctica profesional.

As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a formalización de contratos de formación en alternancia.

Contía das axudas

As contías máximas do incentivo á contratación por 12 meses, a xornada completa, que se concederán con carácter xeral serán as seguintes:

  1. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
  2. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
  3. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €. 
Descargar documentación