APEHL

TR342C-TR342A. Plan Galicia emprega de incentivos á contratación

26.07.2021 DOG Nº 141

Corrección de erros publicada o 10 de agosto de 2021

Convócanse as axudas para favorecer a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria e, especialmente, daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade, coa finalidade de paliar os prexuízos derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 sobre o mercado de traballo.

Prazo de solicitude

Ata o 30.09.2021

Beneficiarios

Empregadoras e empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade.

Programa I: Incentivos á contratación por conta allea e á formación (código de procedemento TR342C)

Catro tipos de axudas compatibles

  1. Incentivos á contratación indefinida inicial, por medio da cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas novas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
  2. Incentivos á contratación temporal, por medio da cal se proporcionará unha subvención para a contratación temporal de persoas novas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
  3. Incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos soamente no caso das persoas novas, mulleres e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
  4. Incentivos á formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial e temporal por medio desta orde, para levar a cabo acciones formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables

  • Ás contratacións indefinidas iniciais, incluídos os fixos descontinuos, realizadas desde o 1 de outubro de 2020 e até o 30 de setembro de 2021, con persoas novas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social desempregadas segundo o establecido no artigo 5 desta orde de convocatoria.
  • Ás contratacións temporais que se formalicen desde o día 1 de outubro de 2020 e ata o 30 de setembro de 2021, ambas inclusive, con persoas novas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social desempregadas segundo o establecido no artigo 5 desta orde de convocatoria.

Quedan excluídos os contratos para a formación e aprendizaxe.

  • Ás transformacións de contratos temporais en indefinidos que se formalicen desde o 1 de outubro de 2020 e ata o 30 de setembro de 2021, sempre que o contrato temporal obxecto de transformación estivese vixente no momento da entrada en vigor desta orde de convocatoria, realizados con persoas novas, mulleres e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Esta limitación temporal non será de aplicación cando se trate de transformación en indefinidos de contratos formativos, de substitución ou de substitución por anticipación da idade de xubilación.

  • No caso das contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial realizadas con persoas novas, mulleres e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, serán subvencionables os incrementos de xornada até alcanzar o 100 % da xornada ordinaria ou a establecida no convenio colectivo de aplicación.

Programa II: Emprego con apoio (código de procedemento TR342A)

Consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas, do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.

Obxecto

  • Este programa ten como obxecto subvencionar ás entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio para financiar os custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio.

Trátase de favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social con especiais dificultades para a súa inserción laboral, favorecendo a súa integración en empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a implementación de accións de emprego con apoio.

  • As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales se deberán recoller, polo menos, as seguintes accións:
  1. Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora apoiada elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.
  2. Labores de achegamento e mutua axuda entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.
  3. Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar coa contorna laboral nas mellores condicións.
  4. Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.
  5. Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e permanencia no emprego.
  6. Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.
Descargar documentación