DOG Núm.130 de 08 de julio de 2022
Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír á mellora da calidade dos albergues turísticos mediante a realización de investimentos en dixitalización, eficiencia enerxética e mellora das instalacións e dos servizos.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
Gastos subvencionables e importe máximo da subvención por entidade solicitante.
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2022. En ningún caso se admitirán facturas nin xustificantes de pagamento que non estean comprendidos entre esas datas.
Os conceptos subvencionables son os seguintes:
1.1. Instalación e equipamento de sistemas de automatización de instalacións (domótica) e de eficiencia enerxética:
– Equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria.
– Instalación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, ventilación forzada, mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura.
– Instalacións de xeración de enerxía solar para autoconsumo.
– Sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.
– Instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos (e-bikes, vehículos eléctricos, etc.) que permitan ao establecemento repercutir o custo da electricidade consumida na recarga.
– Mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade.
– Substitución de equipamento eléctrico por equipos de menor consumo.
– Renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
1.2. Mellora das instalacións:
– Melloras no illamento acústico dos cuartos para a insonorización destes co fin de evitar molestias entre os hóspedes de cuartos contiguos e zonas de paso.
– Melloras no illamento térmico da envolvente do edificio do establecemento co fin de reducir o consumo enerxético en calefacción.
– Renovación de cartelaría, rótulos e sinalización exterior dos establecementos. Mellora da imaxe corporativa, renovación de logotipos, branding, etc. Contratación de servizos de asesoramento de deseño gráfico.
– Reforma e acondicionamento das unidades aloxativas que garantan a mellora da salubridade das instalacións.
– Equipamentos mobles necesarios que garantan a seguridade e a mellora das instalacións e que permitan a adaptación do albergue ao turismo familiar.
1.3. Dixitalización:
– Adquisición de equipamento e contratación de servizos para a informatización e automatización de procesos do establecemento ( check-in, xestión de reservas, facturación, TPV...).
– Sistemas de control de presenza: cámaras, sensores, sistemas de check-in/check-out.
– Sistemas de cartelaría electrónica para mensaxes á clientela e de emisión de contidos en xeral.
– Sistemas de notificación en móbil; sistemas de xestión de contidos electrónicos para hostalaría.
No importe obxecto de subvención poderán incluírse os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, así como os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.
2. Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coas actuacións subvencionables e, en ningún caso, os seguintes:
a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.
b) Adquisición de bens de equipamento de segunda man.
c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canalóns, pintura, arranxos de carpintaría, ...).
d) Licenzas, taxas, impostos ou tributos. Non obstante, o IVE poderá ser considerado elixible sempre e cando non poida ser susceptible de recuperación ou compensación total ou parcial.
e) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.
Entidades benefeciarias
As microempresas, pequenas e medianas empresas incluídas na definición de albergues turísticos recollida no artigo 74 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, que teñan o seu domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado o establecemento, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.
Contía das axudas
O importe máximo de subvención será do 80 % do investimento, cun máximo de 6.000 euros por beneficiario.
Prazo de solicitude
Ata o 8 de agosto de 2022.