24.04.2020. A plataforma Abrindolugo.gal, promovida polo Concello de Lugo en colaboración coa Federación de Comercio e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), é unha iniciativa de apoio aos negocios afectados polo peche derivado do estado de alarma por Covid-19 que se puxo en marcha esta mañá, desde as 11:00 horas.
Nesta web, abrindolugo.gal, poderanse comprar bonos canxeables en locais lucenses, cos cales os clientes recibirán un pequeno desconto e os negocios poderán obter ingresos durante o período de corentena, que lle permitirán facer fronte aos custos da súa actividade.
As empresas interesadas en inscribirse poderán facelo mediante o botón vermello "inscrición empresas", situado na cabeceira da mesma web. Neste mesmo rexistro poderán consultar todos os termos e condicións da plataforma (abrindo.online/rexistro-de-empresas).
Compra de bonos
Os clientes poderán comprar os bonos a partir da data e hora indicadas de apertura. Haberá bonos dispoñibles de restaurantes, tendas de roupa, servizos especializados... E todos son comercios lucenses. Ademais cada día iranse sumando máis.