APEHL

A Apehl fomenta a formación en residuos entre os hostelerios da provincia de Lugo

30.06.2025. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) continúa coa súa labor de concienciación en materia de sustentabilidade e reciclaxe. En colaboración con Hostelería de Galicia e a Xunta, a entidade promove unhas charlas formativas centradas na implantación do novo colector marrón.

Estas sesións informativas teñen como obxectivo resolver dúbidas, corrixir erros e abordar os aspectos clave dun proceso de reciclaxe cada vez máis regulado. Entre os contidos tratados figuran a correcta xestión de residuos, a introdución do quinto colector, os seus beneficios, retos e o compromiso do sector na mellora ambiental.

A redución do desperdicio alimentario constitúe outro dos eixes principais destas xornadas. Ademais de fomentar a práctica de levar as sobras para casa, tamén se anima a adoptar medidas que favorezan o aproveitamento da bebida nos establecementos.

A Apehl coordina a realización de xornadas de sensibilización dirixidas a persoas titulares e traballadoras dos locais de hostalería, ofrecendo a posibilidade de levar a cabo unha sesión gratuíta en calquera establecemento asociado, previa solicitude a través da Asociación.