APEHL

Apehl inicia a edición de 2026 do Marida Maio, as xornadas enogastroturísticas da Ribeira Sacra

15.05.2026. A delegación sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (Apehl) puxo inicio á terceira edición da festa primaveral Marida Maio este xoves 14 de maio. Estas xornadas enogastroturísticas na Ribeira Sacra, patrocinadas pola Deputación de Lugo, toman como marco o Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos. As vindeiras citas están previstas para os dous últimos xoves do mes, días 21 e 28.

Os encontros permiten que as adegas participantes presenten os seus produtos vitivinícolas con pratos e composicións de diferentes establecementos hostaleiros da zona. A estes, súmanse empresas dos sectores do turismo, a arte e o patrimonio para dar a coñecer os seus servizos ás persoas asistentes, que poden acceder de forma gratuíta ata completar capacidade.

A xornada deste xoves, celebrada dende as 19:30 ás 21:00 horas, contou con Cova do Xacio, Bodega Ohmio, Manuel Bistró e Restaurante Río Cabe-Hotel Cardenal. A cita estivo amenizada musicalmente polo solista Isi Castañer. A oferta cultural completárona a entidade soberina Casa-Museo Genia Trigo e o oleiro Elías González, do Centro Oleiro Rectoral de Gundivós.

Para o próximo 21 de maio, o evento estará protagonizado por Bodega Cruceiro, Bodega Alouviño, Tributo–Capitol, Catamarán Río Sil, Museo Lodeiro e o selo de Artesanía de Galicia da man de Pilar Rodríguez de “En Lá”. As persoas interesadas en acudir deben realizar inscrición previa contactando vía telefónica co 982 412 050, xa que a capacidade máxima permitida nas instalacións é de trinta usuarios.

O concello de Monforte de Lemos e o Centro do Viño da Ribeira Sacra colaboran tamén neste evento.