APEHL

Apehl mantén aforo completo na segunda xornada do Marida Maio de 2026

22.05.2026. A delegación sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (Apehl) vén de celebrar a segunda xornada enogastroturística da terceira edición do Marida Maio, evento patrocinado pola Deputación de Lugo. A continuación da festa primaveral tivo lugar este xoves, 21 de maio, no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos e contou co aforo completo con días de antelación. O encontro que pechará este ciclo, previsto para o 28 de maio, tamén ten xa o aforo completo. 

Estes encontros posibilitan a colaboración entre entidades da zona da Ribeira Sacra para dar a coñecer os seus servizos ás persoas asistentes. Principalmente vitivinícola e hostaleiro, pero tamén turístico e artesanal, empresas de diferentes sectores realizan propostas especialmente ideadas para o formato coas que expoñer as bondades dos seus produtos.

Tomando inicio ás 19:30 e finalizando ás 21:00 horas, a segunda xornada estivo protagonizada polo establecemento monfortino Tributo Capitol, as empresas vitivinícolas Adegas Cruceiro e Alouviño, a artesá e propietaria de “En Lá”, Pilar Rodríguez e, mediante representantes dos equipos de traballo, polo Museo Lodeiro e o Catamarán Río Sil. A cita estivo amenizada cunha actuación en directo do solista Isi Castañer.

A terceira edición do Marida Maio será clausurada o 28 de maio. Na cita, que seguirá o mesmo horario, participarán o proxecto de turismo de caravanas Barvantia, a empresa de visitas guiadas Coureleando, o hotel-restaurante Hermida Rural e as adegas Os Cipreses e Instinto Romano.

O concello de Monforte de Lemos e o Centro do Viño da Ribeira Sacra colaboran tamén neste evento.