APEHL

Comeza o XXI Concurso de Tapas de Lugo

El Dotmas Bar, gañador da pasada edición, acolleu esta mañá a inauguración oficial do certame gastronómico, no que participan 37 establecementos da cidade.

06.11.2026. Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl); José Manuel Cela, vicepresidente da asociación, e Agustín Gallego, concelleiro de Turismo e Museos do Concello de Lugo, foron os encargados de inaugurar esta mañá en El Dotmas Bar a vixésimo primeira edición do Concurso de Tapas de Lugo.

O establecemento, gañador da pasada edición, acolleu o acto que marca o inicio dunha nova convocatoria deste certame gastronómico, no que participan un total de 37 locais da cidade. Nesta edición, El Dotmas Bar presenta a tapa Rizando o rizo, unha elaboración sen glute composta por unha ostra galega cociñada en leite de coco e curri, acompañada de mazá Granny Smith preparada a baixa temperatura, cebola vermella encurtida e un pétalo de rosa. Cheché Real animou aos lucenses a gozar das propostas dos establecementos e destacou a “atención marabillosa” que ofrecen os hostaleiros de Lugo.

O concurso, organizado pola Apehl, conta co patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Estrella Galicia, Cabreiroá e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O certame desenvolverase ata o vindeiro 22 de novembro e, unha semana máis tarde, os días 27, 28 e 29, terá lugar a gran final.

FUNCIONAMENTO DO CONCURSO

Os consumidores poderán valorar as propostas mediante un cupón de votación individual, que deberá estar cuberto cos seus datos e selado polo establecemento correspondente. A puntuación irá do 1 ao 5, sendo 1 a nota máis baixa e 5 a máis alta. Todos os cupóns válidos entrarán, ademais, no sorteo de distintos premios.

Así mesmo, os establecementos dispoñerán de folletos-pasaporte que os clientes poderán ir selando a medida que percorran os locais participantes. Quen consiga un mínimo de 12 selos entrará no sorteo dunha escapada gastro-relax para dúas persoas no Spa Arzuaga, na Ribera del Duero, mentres que aqueles que reúnan polo menos 25 selos poderán optar a unha viaxe dunha semana para dúas persoas a Roma.

GALARDÓNS ÁS MELLORES TAPAS

O público volverá ter un papel protagonista nesta edición, xa que será o encargado de elixir a tapa gañadora do concurso a través das súas votacións.

Pola súa banda, durante a gran final, que se celebrará os días 27, 28 e 29 de novembro, un xurado técnico outorgará o primeiro, segundo e terceiro premio, así como os recoñecementos á mellor maridaxe con Estrella Galicia e á mellor maridaxe con Ribeira Sacra.

SORTEO EN INSTAGRAM

Como en anteriores edicións, a Apehl celebra tamén un sorteo a través da súa conta de Instagram, @eparacomerlugo. Nesta ocasión, o premio será unha noite para dúas persoas no Hotel O Semáforo, en Fisterra (A Coruña).

Para participar será necesario seguir a conta @eparacomerlugo, subir a stories unha fotografía dalgunha das tapas participantes etiquetando a devandita conta e utilizando o hashtag #concursotapaslugo, e comentar a publicación do sorteo mencionando unha persoa coa que se queira compartir a estancia.

Os usuarios poden participar desde hoxe mesmo e o sorteo estará aberto ata o 22 de novembro. A persoa gañadora anunciarase o luns 23

ALÉRXENOS E INTOLERANCIAS

Unha das novidades do XXI Concurso de Tapas de Lugo é a incorporación de información máis detallada sobre os alérxenos presentes en cada unha das elaboracións, que poderá consultarse no folleto do certame.

Ademais, entre as 37 propostas participantes, 11 tapas son sen glute: as de 3 Pés, Eduri, El Dotmas Bar, Karrusel, Las Cinco Vigas, O Cincuenta e Seis, O Mercado, Paprica, Prebe by Bret, Toni Portela e Tosar by Boni. A elas súmanse La Pepita Lugo, que ofrece unha opción sen glute, e La Terraza del Méndez, cuxa proposta é apta para persoas celíacas se se serve sen pan.

LISTAXE DE PARTICIPANTES

Os 37 establecementos que participan nesta edición do Concurso de Tapas de Lugo son os seguintes:

  1. 3 Pés
  2. Anda
  3. Ave César
  4. Bulló Xantar
  5. Calibre 2.7
  6. Coco’s Bar
  7. Desnivel Tapas e Copas
  8. Eduri
  9. El Dotmas Bar
  10. Facela Bar
  11. Galo
  12. Glam Taoo Hotel Apartamento Boutique
  13. Gran Café - Eurostars Gran Hotel Lugo
  14. Hotel Mercure Lugo
  15. Irmandiños
  16. Karrusel
  17. La Competencia
  18. La Cosechera de 1977
  19. La Pepita Lugo
  20. La Perdiz
  21. La Terraza del Méndez
  22. Las Cinco Vigas
  23. Malizzia Street Food
  24. Mesón El Castillo
  25. O Castor
  26. O Cincuenta e Seis
  27. O Figón
  28. O Mercado
  29. Orixe do Campo
  30. Paprica
  31. Prebe by Bret
  32. Pulpería O Castelo
  33. Taberna Terra
  34. Tapería O Peque
  35. The Real Coffee
  36. Toni Portela
  37. Tosar by Boni

Toda a información sobre as tapas participantes, os establecementos e o desenvolvemento do certame está dispoñible en xantardetapas.com.