27.03.2023. O Estase Cocendo 2023, evento patrocinado pola Deputación de Lugo e organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), foi todo un éxito. Tras facer balance desta décimo quinta edición, quedou claro que a implicación de todos foi clave á hora de obter uns resultados totalmente positivos.
Desde Apehl agradecen a todas as persoas que se uniron ás actividades. Dan as grazas tamén é Deputación de Lugo polo seu patrocinio e a todos os colaboradores. As expectativas para o próximo Estase Cocendo son altas.
COCIDO DAS MEIGAS
O sábado tivo lugar, ademais da última visita guiada por Monforte, o Cocido das Meigas. Comezou cunha comida no Parador de Monforte de Lemos, o Xantar das Meigas. Posteriormente, pola tarde, celebrouse un taller de maquillaxe infantil da man de María Jesús Cao no Centro do Viño da Ribeira Sacra.
Máis tarde, ás 20:00 horas, as meigas reuníronse na praza de España acompañadas de batucada, do Centro de Ensinanzas Artísticas Creativa. Partiron cara ao parque dos Condes e Manuela Fuentes, meiga de honor, leu un manifesto. José Luis Losada, concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, recibiu ás meigas en representación do alcalde acompañado polo concelleiro de Deportes, Manuel Mougán. Ambos animaron á xente a participar nesta actividade para que, co tempo, se converta nunha festa maioritaria na cidade e sexa un referente na Ribeira Sacra. A maiores, encomiaron o bo facer do Estase Cocendo.
O xurado do concurso, composto por Pilar Rodríguez, artesá e propietaria da tenda En Lá; María Luisa Sobrino, delegada da Asociación Española contra o Cancro en Monforte, e a fotógrafa Paula Fernández, decidiu outorgarlle o premio de Meiga Maior a Zoraida e o de Meiga Menor a Sofía. As integrantes do xurado valoraron moito a posta en escena, a actitude e a participación durante todo o recorrido.
SORTEO CESTA
Por último, recordamos que o próximo día 1 de abril sortearase a cesta de produtos de porco, xentileza da Asociación Prodeme. O gañador será o que teña a rifa cuxas últimas catro cifras coincida co número premiado dese día no sorteo da ONCE. O número premiado publicarase en todas as redes sociais e nas páxinas webs apehl.org e eparacomerlugo.com.