“Elaborarei un cocktail con base de café ao que irei engadindo produtos representativos das zonas polas que pasan os diferentes camiños a Santiago pola provincia de Lugo. Trátase de combinar os sabores do Camiño en torno ao café”
25.05.2021. Xosé Manuel Portela Fernández (Fonsagrada, 1983) asegura que naceu “detrás dunha barra”. E é que dende que empezou a axudar no negocio familiar, xa de moi cativo, sempre estivo vencellado á hostalería. Comezou a súa formación no Ciclo Superior de Restauración do IES Sanxillao de Lugo e logo realizou numerosos cursos para especializarse como barista, ata obter o título de Formador de Formadores que outorga o Fórum Cultural do Café. Chegou a converterse nun dos máis recoñecidos baristas de España e proba diso son os dous torneos internacionais que gañou na súa carreira, entre multitude doutros premios autonómicos, estatais e europeos. A raíz deses éxitos competitivos, foi contratado por Cafés Candelas en 2012 e hoxe é o responsable de formación de baristas da empresa, con responsablilidade nas delegacións de España e o estranxeiro.
A miña intervención será esencialmente práctica. Elaborarei un cocktail con base de café ao que irei engadindo produtos representativos das zonas polas que pasan os diferentes camiños a Santiago pola provincia de Lugo. Podo adiantar que non será só acompañar o café senón que experimentaremos un pouco para que o resultado sexa máis atractivo. Licores, chocolate, xeado e mesmo queixo serán parte do cocktail e da súa presentación. Trátase de combinar os diferentes sabores do Camiño en torno ao café.
O café e os elementos que o acompañan son algo imprescindible para os peregrinos, que comezan a súa xornada moi cedo e que precisan repoñer enerxía ao longo do día. Na provincia de Lugo temos tesouros gastronómicos para servir co café e é algo que os establecementos hostaleiros deben potenciar. Por exemplo, a fórmula que presentarei na xornada pode ser aproveitada polos locais na súa carta tal como a elabore ou con variacións.
Tamén aproveitarei para reivindicar algo tan galego como o café de pota, moi recomendable para as tardes dos peregrinos. E é que os hostaleiros teñen a opción de manexar diferentes formas de elaborar os cafés e con variedades moi diferentes e diferenciadas. Unha boa oferta de café é unha aposta segura para calquera establecemento sempre que se opte pola calidade en todo o proceso.
Para saber máis sobre o café e o Camiño, vémonos en Lugo o 29 de maio. Agardámosvos!