26.11.2024. Tras facer o reconto dos votos emitidos polo público, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, Apehl, desvela os doce establecementos finalistas da décimo novena edición do Concurso de Tapas de Lugo:
A Laxa, Casa d’Auga, El Dotmas Bar, Hotel Mercure Lugo-Brasas Brancas, Mesón El Castillo, O Figón, O Mercado, Orixe do Campo, Ourizo, Paprica, Pulpería O Castelo e Santeiro`s Terraza.
Este venres 29 e sábado 30 de novembro, estes doce locais volverán ofrecer as súas tapas ao público no mesmo horario establecido durante o concurso: de 13:00 a 15:30 h e de 20:00 a 22:30 h. Nesta fase, un xurado técnico encargarase de probar as doce creacións culinarias para avaliar e outorgar un primeiro, un segundo e un terceiro premio, ademais das maridaxes con cervexa Estrella Galicia e con viño da Ribeira Sacra. Posteriormente, coñecerase tamén cal foi o gañador por votación popular.
A maiores, xa foron publicados os premiados no sorteo realizado na conta de Instagram @eparacomerlugo. Unha das novidades desta edición do certame foi lanzar un sorteo de tres ceas sorpresa para dúas persoas cada unha, que contou cunha gran participación entre os seguidores desta rede social.