27.06.2023. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na cidade de Lugo durante esta fin de semana de Arde Lucus, Festa de Interese Turístico Internacional, así como valoración de participación e asistencia por parte dos lucenses e dos visitantes.
A ocupación media nos establecementos da cidade chegou ao 80 % durante o venres e superou o 90 % o sábado. Algúns establecementos si que chegaron a colgar o cartel de completos.
O presidente da Apehl, Cheché Real, recoñeceu "a consolidación desta festa como referencia no inicio da época estival” e agradeceu a implicación das asociacións culturais e de recreación histórica o seu labor “para que o evento fose magnífico. O seu traballo é tremendo para tan só tres días”.
En canto a asistencia, Real engadiu que “non pode ir a moito máis porque xa está moi ben. A hostalería de Lugo é unha das máis beneficiadas co éxito desta festa e a valoración é moi satisfactoria”.
A maiores, desde a Apehl apuntan que estas cifras non só puideron alcanzarse grazas ao Arde Lucus, senón tamén á celebración doutros eventos de interese na cidade, como o Campionato Mundial de Billar, que tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos.
Neste senso, Cheché Real agradece a implicación de todas as administracións que fan posible que “cada ano o Arde Lucus manteña este interese” e tamén á dirección do Pazo de Feiras e Congresos, pola organización “dunha competición de nivel internacional”.