APEHL

O Congreso ...E para comer, Lugo no Camiño, en boca dos seus protagonistas | Xoan Cannas

“O viño é parte esencial da historia do Camiño e temos que esforzarnos en que sexa tamén parte esencial do seu futuro”

24.05.2021. Xoan Cannas (Vigo, 1972) é diplomado en Ciencias da Educación e dende hai décadas exerce ese labor didáctico no mundo do viño, co que comezou a vencellarse en 1989 participando en diferentes proxectos de hostalería, viticultura e enoloxía. En 2002 foi Campión Galego de Sumillería. Dende 2012 dirixe o Instituto Galego do Viño, un centro dedicado á formación especializada en viticultura e á promoción dos caldos galegos polo que pasaron máis de 2.500 alumnos e no que se cataron 14.000 viños de todo o mundo. Os cursos do Instituto son impartidos por profesionais tan recoñecidos como Josep Roca, Pepe Solla, Ferrán Centelles ou Dominique Roujou.

Esta bagaxe profesional é a que o avala á hora de actuar como ponente no II Congreso Gastronómico e Cultural…E para comer, Lugo no Camiño.

Dende o corazón de Francia (Borgoña- Ródano-Languedoc), pasando por A Rioxa ou Castela ata se adentrar en territorio galego, o viño estivo e está presente en todo momento no Camiño de Santiago. É algo que recollen os documentos históricos ou reflicten as propias construcións relixiosas que atopamos na ruta. Xa o constataba á súa maneira Álvaro Cunqueiro nas súas obras. No meu relatorio farei referencia a esa vertente histórica pero, sobre todo, ás posibilidades que o viño e os viñedos ofrecen a hostalería e o turismo nos diferentes camiños a Santiago e, por extensión, en toda a provincia.

Contar cunha carta de viños ampla, ben organizada e razonada e con criterios claros é unha ferramenta fundamental para dar un mellor servizo e que os nosos establecementos teñan máis repercusión e sexan máis valorados. Non esquezamos que o Camiño é unha arma de promoción inigualable.

Paralelamente, os viñedos son un recurso que cada vez adquire máis valor. Estamos na era das redes sociais e a paisaxe dos viñedos que se reflicte nas fotografías que se ven nesas redes convértese nun factor decisivo á hora de elexir un viño. Nese sentido, os viños da provincia de Lugo teñen unha grande vantaxe por como e ónde son cultivados. É necesario un compromiso, tamén do sector hostaleiro, para a preservación desa paisaxe.

E non podemos esquecer algo tan en auxe como o enoturismo. O Camiño é unha grande autopista e, como tal, conta con múltiples ramificacións. É aí onde hai que incidir para atraer turistas dende a ruta xacobea ás adegas e as súas contornas.

De todo esto teremos ocasión de dialogar na xornada do 29 de maio. Agardámosvos!