APEHL

O Cume Tapas Exprés, de Monforte de Lemos, dedícase á loita contra o cancro de mama

  • O certame, no que participan seis establecementos, terá lugar do 26 ao 29 de outubro.

20.10.2023. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo (Apehl) presentou esta tarde no Centro do Viño da Ribeira Sacra unha nova edición do Cume Tapas. Nesta ocasión, o Cume Tapas Exprés, patrocinado pola Deputación de Lugo, terá unha duración só de catro días, do 26 ao 29 de outubro, e faille unha dedicatoria especial á loita contra o cancro de mama.

“Quixemos que este Cume Tapas fose un maratón de tapas para unirnos ás iniciativas que este mes de outubro se levan a cabo con motivo da celebración do Día contra o Cancro de Mama”, explicou Beatriz Vila, delegada da Apehl en Monforte. Por este motivo, no acto estiveron presentes a presidenta da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), M.ª Luz Abella, e a presidenta da Xunta Local de Monforte, M.ª Luisa Sobrino.

Desde o vindeiro xoves e ata o domingo, ambos incluídos, un total de seis establecementos competirán por converterse no campión do certame gastronómico da cidade do Cabe. As tapas terán un custe de 1,80 euros e as inscricións dos locais participantes irán donadas integramente á AECC.

Os seis locais participantes son Abadía San Simón, Cervecería Mulligan´s, Awa Monforte, El Hórreo, MC e Adega do Carlos e as súas propostas culinarias poderanse degustar en horario de 12:30 h a 14:00 h e de 19:30 h a 22:00 h. A tapa gañadora será a elixida polo público.

Todos aqueles que logren cubrir o cupón de votación cos selos dos seis establecementos participantes entrarán nun sorteo dunha estancia para dúas persoas no Hotel Talaso Atlántico Spa****, de Oia (Pontevedra) e, nesta edición, gañará o `Maratón gastronómico por elas´ a primeira persoa que realice unha publicación (non unha historia) en Instagram coas fotos das seis tapas participantes e etiquete a páxina de …E para comer, Lugo. “As fotos terán que ter un bo enfoque, no texto da publicación explicaranse os nomes dos establecementos e, por último, mencionarase a páxina @eparacomerlugo. O gañador recibirá un agasallo especial”, detallou Bea Vila.

O acto desta tarde foi presidido por José Manuel Cela, vicepresidente da Apehl; Paloma Vázquez, xefa territorial de Turismo da Xunta en Lugo, e José Luis Losada, concelleiro de Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente do Concello de Monforte. A clausura correu a cargo de Penny Lane, grupo musical xurdido en Creativa, centro de enseñanzas creativas.