APEHL

O Cume Tapas Exprés, dedicado á loita contra o cancro de mama, arranca mañá

  • O certame, no que participan seis establecementos de Monforte de Lemos, terá lugar do 26 ao 29 de outubro.

25.10.2023. O Cume Tapas Exprés, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo (Apehl) e patrocinado pola Deputación de Lugo, dará comezo este xoves, 26 de outubro, e prolongarase ata o domingo, 29.

Estará dedicado á loita contra o cancro de mama: “Quixemos que este Cume Tapas fose un maratón de tapas para unirnos ás iniciativas que este mes de outubro se levan a cabo con motivo da celebración do Día contra o Cancro de Mama”, explicou Beatriz Vila, delegada da Apehl en Monforte.

Desde mañá xoves e ata o domingo, ambos incluídos, un total de seis establecementos competirán por converterse no campión do certame gastronómico da cidade do Cabe. As tapas terán un custe de 1,80 euros e as inscricións dos locais participantes irán donadas integramente á AECC.

Os seis locais participantes son Abadía San Simón, Cervecería Mulligan´s, Awa Monforte, El Hórreo, MC (pecha sábado e domingo) e Adega do Carlos e as súas propostas culinarias poderanse degustar en horario de 12:30 h a 14:00 h e de 19:30 h a 22:00 h. A tapa gañadora será a elixida polo público.

Todos aqueles que logren cubrir o cupón de votación cos selos dos seis establecementos participantes entrarán nun sorteo dunha estancia para dúas persoas no Hotel Talaso Atlántico Spa****, de Oia (Pontevedra) e, nesta edición, gañará o `Maratón gastronómico por elas´ a primeira persoa que realice unha publicación (non unha historia) en Instagram coas fotos das seis tapas participantes e etiquete a páxina de …E para comer, Lugo. “As fotos terán que ter un bo enfoque, no texto da publicación explicaranse os nomes dos establecementos e, por último, mencionarase a páxina @eparacomerlugo. O gañador recibirá un agasallo especial”, detallou Bea Vila.