APEHL

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo visitou os alumnos do Programa Integrado de Emprego da Apehl

23.03.2023. Esta mañá, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, acompañado pola xefa territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández, fixo unha visita os alumnos da acción formativa axudante de camareiro, que se está impartindo no centro da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

O presidente da asociación, Cheché Real, explicou aos alumnos a importancia da formación dentro do sector e recalcou o papel da Xunta de Galicia nesta iniciativa. Pola súa parte, o delegado territorial subscribiu as palabras de Real e incidiu no valor do Programa Integrado de Emprego de Galicia. A visita rematou co alumnado poñendo en práctica os coñecementos que están adquirindo durante estes días ao servir un café e un aperitivo aos asistentes.

O curso comezou o pasado día 13 de marzo e finaliza o 31 deste mes, en horario de 9:15 horas a 13:30 horas, cun total de 59 horas. O número de alumnos é de 12 e os obxectivos que se perseguen son que adquiran os fundamentos básicos para a atención a un cliente nun servizo de restaurante ou bar, desde a toma do pedido ata a facturación, cobro e reclamacións de servizo. Os inscritos contan coa posibilidade de realizar prácticas non laborais en empresas de hostalería.

Esta acción inclúese dentro do Programa Integrado de Emprego de Galicia da Apehl para o ano 2022-2023, que se realiza co financiamento da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal.

Neste programa, a asociación traballará con máis de 100 persoas demandantes de emprego, co obxectivo de alcanzar, ao menos, un 45 % de inserción laboral. As accións que se desenvolven son:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Formación transversal en idiomas, competencias dixitais para o emprego, prevención de riscos, relacións laborais e habilidades sociais.

c) Técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego.

d) Habilidades sociolaborais e talleres de entrevistas.

e) Fomento da capacidade emprendedora.

f) Prospección empresarial.

g) Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.

h) Formación para o emprego dentro do Catálogo de Especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal.

i) Prácticas profesionais non laborais en empresas.

j) Talleres sobre mobilidade laboral.

k) Medidas de innovación tecnolóxicas.

l) Medidas de conciliación da vida familiar e laboral: Servizo de coidado e atención de persoas dependentes tanto nenas/os como maiores.