APEHL

El Dotmas Bar gaña o XX Concurso de Tapas de Lugo grazas aos votos do público

O xurado profesional, pola súa parte, repartiu os seus galardóns entre El Boni, Paprica, Tosar by Boni, San Marcos Café e Pulpería O Castelo.

12.12.2025. Os consumidores das tapas da vixésima edición do Concurso de Tapas de Lugo escolleron como gañadora a proposta “Fai un sol de carallo”, creación do establecemento El Dotmas Bar.

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) anunciou este resultado esta mañá nun acto celebrado no Vello Cárcere, no que estiveron presentes o secretario da entidade, Jacobo García-Bobadilla; o tenente do alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, a concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, así como outros representantes da corporación municipal. Na entrega dos premios tamén participaron José Manuel Cela, vicepresidente da Apehl, e Juan Agra e José Luis Fernández, membros da directiva.

A Apehl fixo pública tamén a decisión do xurado técnico, integrado por José Antonio Aparicio, presidente do Gremio de Restauradores da Praza Maior e de Hostelería de Madrid, vicepresidente primeiro de Hostelería de España e membro dos órganos de goberno de CEOE-CEIM, CEPYME, Cámara de Comercio e da Mesa de Expertos de Turismo de Madrid Turismo by Ifema; Anabel Costas, empresaria hoteleira do Pireneo, vicepresidenta da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Huesca e directora do Centro de Innovación Gastronómica de Aragón; José Paz Gestoso, director do Centro Superior de Hostalería de Galicia e exdirector xerente do Xacobeo e de Turismo da Coruña; Constantino Iglesias, director xerente da asesoría Servicios Gastronómicos e propietario de Tizar Gourmet en Ourense; e Juan Pozuelo, cociñeiro, formador e comunicador, director técnico da Academia Bocuse d’Or España, creador do concepto Hamburguesa Nostra e asesor de empresas.

O primeiro premio recaeu en El Boni, pola súa proposta “Ostra, qué merluza”. Este establecemento será o que represente á cidade noutros concurso a nivel autonómico e estatal. O segundo galardón foi para o restaurante Paprica, con “Salchipapri”, e o terceiro, para Tosar by Boni, pola súa tapa “Chuletón en 4 texturas”.

O recoñecemento á mellor maridaxe con Estrella Galicia obtívoo San Marcos Café coa elaboración “Sabores de aquí e acolá”, cuxo premio foi entregado por Pedro Gay, representante da compañía coruñesa. Pola súa parte, o título á mellor maridaxe con D.O. Ribeira Sacra foi concedido a Pulpería O Castelo por “Arroz negro meloso de luriña”.

Durante a celebración tamén se fixo entrega da estancia para dúas persoas en Albarari Burbujas Astronómicas (Oleiros, A Coruña), sorteada a través de Instagram, e déronse a coñecer os nomes das persoas agraciadas coas viaxes —unha visita dunha semana a Londres e unha escapada gastro-relax ao Hotel Bodega Torre Milanos, de Aranda de Duero—, así como coas ceas e demais premios sorteados entre os cupóns de votación e os folletos-pasaportes. O sorteo realizouse ante notario o pasado luns 1 de decembro na sede da Apehl.

A relación completa das persoas premiadas está disponible na web xantardetapas.com.