APEHL

O posto …E para comer, Lugo volve estar presente en La Vuelta 2026 como embaixador gastronómico provincial

29.07.2025. A Oficina de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo foi o escenario elixido para anunciar, este mediodía, que o posto …E para comer, Lugo estará un ano máis presente en La Vuelta Ciclista a España 2026. A provincia de Lugo promocionarase en todo o territorio español por décimo cuarta vez consecutiva a través desta iniciativa impulsada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

No acto, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte; o concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego, e o presidente da Apehl, Cheché Real, estiveron presentes xunto con más figuras representantes de institucións e de partes colaboradoras do proxecto.

A zona VIP da saída de cada unha das etapas do evento deportivo contará cun estand de …E para comer, Lugo. Esta ubicación estratéxica propicia unha exposición privilexiada da riqueza gastronómica e turística da provincia lucense. Persoal pertencente á Asociación será o encargado de ofrecer ás persoas asistentes —ciclistas, patrocinadores e prensa, entre outros— petiscos elaborados con produtos autóctonos, materiais promocionais da provincia e exemplares da nova edición da guía turístico-gastronómica ...E para comer, Lugo.

 

Na súa intervención no acto, Cheché Real subliñou a relevancia do sostemento da acción ano a ano: “A provincia de Lugo está orgullosa de continuar a ser divulgada e celebrada entre o público nacional a través dun evento deportivo que nos une a todos”. Seguidamente, agradeceu aos organizadores de La Vuelta, á Xunta de Galicia e ás diferentes entidades involucradas a súa colaboración.

Entre os provedores e entidades colaboradoras figuran os consellos reguladores da Agricultura Ecolóxica (CRAEGA), Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo de O Cebreiro, Queixo de Tetilla, Queixo San Simón da Costa, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, Fabas de Lourenzá, Grelos de Galicia e Aceite de Quiroga, así como as asociacións Asoporcel, Avimós, Asovega e Afapan. Tamén colaboran Artesanía Alimentaria (Agacal), Armadores de Burela, Galletas Daveiga, Cafés Candelas, El Progreso, INPE, Transportes Valín e Hijos, Grupo Cinematográfico Fonmiñá e Jazz Lugo.