APEHL

O xurado técnico do XXI Concurso de Tapas de Lugo valorará as 12 tapas finalistas esta fin de semana

Durante este venres 27, sábado 28 e domingo 29 de novembro, o público poderá degustar de novo todas as elaboracións finalistas.

27.11.2026. Catro profesionais cunha ampla traxectoria no sector da hostalería e o turismo son os encargados de valorar esta fin de semana as 12 tapas finalistas do XXI Concurso de Tapas de Lugo, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) co patrocinio do Concello de Lugo.

As doce propostas culinarias máis votadas polo público competirán por cinco premios: primeiro, segundo e terceiro posto, ademais de dous galardóns especiais á mellor maridaxe con Estrella Galicia e á mellor maridaxe con viño da DO Ribeira Sacra.

O xurado desta edición está formado por Luis Rial Sierra, subdirector do Centro Superior de Hostalería de Galicia, con experiencia en dirección hotelera internacional; Constantino Iglesias, director da asesoría Servicios Gastronómicos e propietario de Tizar Gourmet, en Ourense; Margarita Vila, actual xerente do Restaurante Hnos. Vila, no Bierzo (León), referente da cociña tradicional; e Antonio de María Ceballos, presidente da Federación de Empresarios de Hostalería da Provincia de Cádiz.

Os membros do xurado iniciaron a súa rolda de valoracións este venres ás 19:30 horas no hotel Méndez Núñez, nun acto que contou coa presenza de Cheché Real, presidente da Apehl; Jacobo García-Bobadilla, secretario da asociación e Agustín Gallego, concelleiro de Turismo e Museos do Concello de Lugo.

Os catro expertos gastronómicos degustarán ata o domingo as tapas dos doce establecementos finalistas: Calibre 2.7, El Dotmas Bar, Glam Taoo Hotel Boutique, Mesón El Castillo, Cincuenta e Seis, O Figón, O Mercado, Orixe do Campo, Paprica, Prebe by Bret, Pulpería O Castelo e Tapería O Peque. O público xeral tamén poderá saborear as súas propostas no mesmo horario establecido durante o concurso: de 13:00 a 15:30 h e de 20:00 a 22:30 h.