22.02.2024. Cheche Real, como presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo e presidente de Hostelería de Galicia, fai pública a súa preocupación “polas reiteradas datas incumpridas que o Goberno de España está a dar para a chegada dos trens Avril, unha conexión necesaria para seguir reforzando a competitividade turística de Galicia”.
Segundo indica, este novo adiamento postergando agora a súa posta en funcionamento para despois de Semana Santa demostra que “o Goberno de España nos avoca a perder a oportunidade que a Semana Santa supón en Galicia”.
“O sector turístico precisa concreción para planificar o ano turístico e información clara”, engade. “Seguimos agardando tamén a que o Goberno de España concrete cantos trens Avril se van poñer á disposición do AVE galego e cantas van ser as frecuencias para incrementar a competitividade na conexión entre Galicia e Madrid”, remata.