16.07.2024. A Oficina de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo acolleu esta mañá, como vén sendo habitual, un acto no que se deu a coñecer que o posto …E para comer, Lugo volverá estar en La Vuelta Ciclista a España por duodécimo ano.
Na presentación, participaron o presidente da Apehl, Cheché Real; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o director de La Vuelta, Javier Guillén, que estiveron acompañados de representantes dos diferentes colaboradores desta edición e de personalidades políticas a nivel local e autonómico.
A promoción gastronómica e turística da provincia de Lugo levarase a cabo instalando o estand …E para comer, Lugo na zona VIP das saídas de etapa. Será o persoal da Asociación quen atenderá aos asistentes (ciclistas, patrocinadores, xornalistas especializados...) e, a maiores de servir aperitivos elaborados con produtos da terra, difundirá exemplares da última edición da guía turístico gastronómica …E para comer, Lugo.
Real lembrou que “esta iniciativa é unha gran plataforma para facer promoción da nosa provincia no seu conxunto” e agradeceu o seu apoio á Xunta de Galicia, a La Vuelta e aos produtores lucenses, xunto ás súas asociacións e consellos reguladores, que abastecen o posto da materia prima necesaria para realizar as degustacións.
Nesta lista de colaboradores atópanse os consellos reguladores da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo de O Cebreiro, Queixo de Tetilla, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Avimós, Asovega, Asoporcel, Armadores de Burela, Grelos de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, Afapan, Aceite de Quiroga e Acruga. Tamén as empresas Galletas Daveiga, Montepicato, Estrella Galicia, Cafés Candelas, El Progreso, INPE, Transportes Valín, o club CD Burela FS e a asociación Cociñeiros Lugo.