14.09.2026. O posto …E para comer, Lugo puxo onte en Granada o punto final ao seu percorrido por La Vuelta Ciclista a España 2026 despois de acompañar durante 21 etapas unha das principais probas do calendario ciclista internacional. Por décimo cuarto ano consecutivo, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, aproveitou a proxección do evento para promocionar a provincia de Lugo e as súas riquezas gastronómicas e turísticas.
A iniciativa comezou o pasado 22 de agosto en Mónaco e concluíu este domingo, 13 de setembro, en Granada. Ao longo de máis de tres semanas, o equipo da Asociación percorreu diferentes puntos de España seguindo o itinerario de La Vuelta e achegando a oferta turística e gastronómica lucense aos distintos públicos vinculados á competición.
Como en edicións anteriores, o punto …E para comer, Lugo estivo instalado nas zonas de saída de cada unha das 21 etapas, concretamente nas áreas VIP habilitadas. Alí, o persoal da Asociación recibiu ciclistas, patrocinadores, visitantes, autoridades, medios de comunicación e outros convidados, aos que ofreceu aperitivos elaborados con produtos autóctonos amparados por diferentes selos de calidade.
A acción permitiu, ademais, distribuír material promocional sobre a provincia e os seus produtos, así como exemplares da última edición da guía turístico-gastronómica ...E para comer, Lugo, reforzando a difusión dos recursos e propostas que ofrece Lugo como destino.
Durante esta edición, o percorrido levou a promoción lucense desde Mónaco ata Granada, pasando por numerosas localidades ao longo das 21 etapas. No seu tramo final, o posto estivo presente, entre outros puntos, en Vera (Almería), Almuñécar (Granada), Xaén, Palma del Río (Córdoba), Cortegana (Huelva), Dos Hermanas (Sevilla), El Puerto de Santa María (Cádiz), Vélez-Málaga e La Calahorra (Granada), antes de concluír o seu percorrido na capital granadina.
Con esta nova participación, a Apehl consolida unha iniciativa que suma xa catorce edicións consecutivas e que permite situar a gastronomía e o turismo da provincia nun escaparate cunha importante capacidade de convocatoria e proxección nacional e internacional. A presenza continuada ao longo de todo o percorrido facilita, ademais, o contacto directo con públicos procedentes de diferentes puntos de España e do estranxeiro.
Entre os provedores e entidades colaboradoras figuran os consellos reguladores da Agricultura Ecolóxica (CRAEGA), Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, Queixo Tetilla, Queixo San Simón da Costa, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, Faba de Lourenzá, Grelos de Galicia e Aceite de Quiroga, así como as asociacións Asoporcel, Avimós, Asovega e Afapan. Tamén colaboran Artesanía Alimentaria (Agacal), Armadores de Burela, Galletas Daveiga, Cafés Candelas, El Progreso, INPE, Transportes Valín e Hijos, Grupo Cinematográfico Fonmiñá e Jazz Lugo.