APEHL

O posto …E para comer, Lugo volverá estar presente en La Vuelta 2025 como embaixador gastronómico da provincia

31.07.2025. Esta mañá, a Oficina de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo acolleu a presentación dunha nova participación do posto …E para comer, Lugo en La Vuelta Ciclista a España. Por décimo terceiro ano consecutivo, a provincia lucense promocionarase en todo o territorio español a través desta iniciativa da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

No acto estiveron presentes a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o subdirector xeral de Unipublic, entidade organizadora de La Vuelta, Charles Ojalvo, e o presidente da Apehl, Cheché Real, ademais de representantes institucionais e colaboradores do proxecto.

O estand …E para comer, Lugo instalarase un ano máis na zona VIP das saídas de etapa, converténdose nun escaparate privilexiado para mostrar a riqueza gastronómica e turística da provincia. O persoal da Asociación será o encargado de ofrecerlles aos asistentes —ciclistas, patrocinadores, medios de comunicación e outros convidados— petiscos elaborados con produtos autóctonos e material promocional da nova edición da guía turístico-gastronómica.

Durante a súa intervención, Cheché Real destacou o valor desta acción: “Estamos ante unha oportunidade única para achegar Lugo ao público de todo o Estado, poñendo en valor o traballo dos nosos produtores e o potencial turístico da provincia”. Tamén agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, de La Vuelta e das múltiples entidades que fan posible esta presenza.

Entre os provedores e entidades colaboradoras figuran os consellos reguladores da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo de O Cebreiro, Queixo de Tetilla, Queixo San Simón da Costa, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, Pan de Cea e Aceite de Quiroga, así como as asociacións Avimós, Asovega, Asoporcel, Afapan, Acruga e Armadores de Burela. Tamén colaboran Galletas Daveiga, Montepicato, Estrella Galicia, Cafés Candelas, El Progreso, INPE, Transportes Valín e Hijos, Grupo Cinematográfico Fonmiñá, Experiencias de Calidade Galicia e Jazz Lugo.