29.03.2022. A delegación da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) fixo balance desta décimo cuarta edición do Estase Cocendo e asegura que “despois de dous anos de parón, volveu con máis forza que nunca. Foi un éxito en número de cocidos, en visitas guiadas por Monforte e en participación durante a Quedada de motos e o Cocido das Meigas. Esta última fin de semana encheuse Monforte de tambores e meigas nun fin de festa multitudinario”.
Desde Apehl agradecen “a cada unha das persoas que se uniron a todas as actividades e, en especial, a ese Cocido das Meigas. Era o primeiro ano que se celebraba e comprobamos que hai xerme para facelo máis grande cada ano e que se converta nunha festa única na nosa Ribeira Sacra”.
Dan as grazas tamén á Deputación de Lugo “polo seu patrocinio”, a todos os colaboradores –Concello de Sober, Concello da Pobra do Brollón, Concello de Monforte, Concello de Quiroga, Concello do Saviñao, Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, Centro do Viño de Monforte, Consello Regulador da Ribeira Sacra, Asociación Prodeme, Escola artística Creativa, Tenda de artesanía En Lá e CCU Monforte– e ás persoas que fixeron posible levar a cabo as actividades lúdicas, en especial a Enoturismo Galicia, coas súas guías Gema e Rosa; a José Castiñeira, guía da Quedada de motos; a Lorena Gallardo, Pilar Rodríguez e María Luisa Sobrino; membros do xurado do Cocido das Meigas, e a Manuela Fuentes, Meiga Maior do Estase Cocendo 2022.
SORTEO DO PORCO
Por último, lembran que o próximo día 2 de abril sortearase o porco, xentileza da Asociación Prodeme. O gañador será o que posúa a rifa, cuxas últimas catro cifras coincida co número premiado dese día no sorteo da ONCE. O número premiado publicarase en todas as redes sociais e nas páxinas webs apehl.org e eparacomerlugo.com.