25.03.2024. Esta fin de semana o Estase Cocendo 2024, evento organizado pola Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) co patrocinio da Deputación de Lugo, chegou á súa fin coa celebración da última visita guiada e coa quedada de motos. Foron tres semanas dedicadas a un dos pratos estrela da comarca, o cocido.
Así pois, o sábado 23 celebrouse unha visita guiada por Monforte, con saída desde Os Escolapios. Nesta ocasión, participou un grupo da Coruña e outro de Monforte.
Por outra parte, o domingo 24 tivo lugar a xa coñecida quedada de motos do Estase Cocendo, con guía e cocido nos Pendellos (Chantada). A cita foi un éxito total e contou coa presenza de xente de Quiroga, Escairón, Monforte, Xinzo de Limia e Ribeira.
Proximamente darase a coñecer o gañador ou gañadora da cesta de produtos de porco da Asociación Prodeme. Levarase a cesta quen teña a rifa coas catro últimas cifras iguais que as do número premiado no sorteo da ONCE do 30 de marzo. Se en 10 días non aparece o gañador, o segundo sorteo de referencia será o do 13 de abril.