APEHL

En marcha unha nova edición do Marida Maio, as xornadas enogastroturísticas da Apehl na Ribeira Sacra

30.04.2025. A delegación sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) prepara xa a terceira edición da festa primaveral Marida Maio, xornadas enogastroturísticas da Ribeira Sacra, patrocinadas pola Deputación de Lugo, que terán lugar no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos os  xoves de maio, 14, 21 e 28.

Como en anos anteriores, estas tres citas consistirán en presentacións dos viños das bodegas participantes xunto cos pinchos de diversos establecementos hostaleiros; aos que tamén se unen empresas dedicadas ao mundo do patrimonio, da arte e do  turismo para dar a coñecer os seus servizos.

Os encontros, nos que haberá música en directo, durarán en torno a unha hora e media, desde ás 19:30 h ata ás 21:00 h e a asistencia é de balde. Non obstante, a capacidade máxima de persoas permitida por día é de 30, por iso se necesita realizar a inscrición previa no teléfono 982 412 050.

A primeira cita celebrarase o xoves 14, e nela participarán Cova do Xacio, Manuel Bistró, Bodega Ohmio, Restaurante Río Cabe–Hotel Cardenal e Gundivós: Tradición, Arte e Patrimonio da man do oleiro Elías González (Centro Oleiro Rectoral de Gundivós ) e Casa–Museo Genia Trigo.

O seguinte xoves, 21 de maio, protagonizarán a cita Tributo–Capitol, Bodega Alouviño, Artesanía de Galicia da man de Pilar Rodríguez de “En Lá”, Museo Lodeiro, Bodega Cruceiro e Catamarán Río Sil.

Por último, o xoves 28, estará dedicado a Barvantia, Coureleando, Hotel-Restaurante Hermida Rural, Bodega Os Cipreses e Bodega Instinto Romano.

O concello de Monforte de Lemos e o Centro do Viño da Ribeira Sacra colaboran tamén neste evento.