APEHL

O XVII Estase Cocendo comeza este sábado na Ribeira Sacra

14.03.2024. O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolleu este xoves o acto inaugural do Estase Cocendo 2025, evento organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) e patrocinado pola Deputación de Lugo, que se desenvolverá desde este sábado 15 de marzo ata o domingo 6 de abril. Na presentación dedicouse esta 17.ª edición das Xornadas do Cocido da Ribeira Sacra aos traballadores da hostelería e do turismo.

O acto contou coa presencia de Cheché Real, presidente de Hostelería de Galicia e da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl); José Manuel Cela, vicepresidente da Apehl; Ana Bernárdez, presidenta del Camino de Invierno; Rebeca Vázquez, directora da CPR Fundación Belarmino Fernández; Gloria Prada, primeira tenente de alcalde do Concello de Monforte de Lemos; Pablo Rivera, deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, e Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo. 

Ademais, como parte da homenaxe, tamén estiveron presentes o xefe de cociña Manuel Rodríguez, a gobernanta de camareiras de piso Saba El Kohli e o camareiro Justo Rodríguez. A través dun video, Damián Seijas, embaixador de Nexpresso en España e campión español de baristas, enviou un saúdo. Ao acto tamén acudiron dous membros do Grupo Compost ELA para dar visión aos enfermos de ELA.

O público poderá degustar o cocido do Estase Cocendo en case unha trintena de establecementos hostaleiros das localidades de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober. Ao longo de todo o mes, algúns locais ofrecerán tapas de cocido –a un prezo de 1,80€– nas fins de semana e outros porán a disposición dos clientes cocido de menú ou de prato do día. Como xa viña sendo habitual en anteriores edicións, tamén haberá prezos especiais en numerosos hoteis, pensións e casas de turismo rural da comarca.

Ademais, as persoas que proben o cocido en calquera das modalidades ofertadas serán agasalladas cunha rifa coa que optarán a unha cesta de produtos de porco da Asociación Prodeme. Levarase a cesta quen teña a rifa coas catro últimas cifras iguais que as do número premiado no sorteo da ONCE do 13 de abril. Se en 10 días non aparece o gañador, o segundo sorteo de referencia será o do 27 de abril.

ACTIVIDADES LÚDICAS

O programa conta tamén cunha serie de actividades, como son unha quedada de motos para o día 23 de marzo, visitas guiadas por Monforte e o Cocido das Meigas para o 5 de abril.

O Estase Cocendo é unha iniciativa da Apehl que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración dos Concellos de Monforte de Lemos, Quiroga e Sober, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, do Centro do Viño da Ribeira Sacra, da Asociación Prodeme, das adegas Val do Frade e Cruceiro, de En Lá, do Salón de Beleza María, da Floristería Flor y Fauna e do Centro Comercial Urbano de Monforte.

Consulta aquí os establecementos participantes