05.11.2024. O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, asistiu onte a unha reunión do comité executivo de Hostelería de España, do cal forma parte, na que se acordou poñer en marcha varias medidas de axuda para as zonas afectadas pola DANA.
En primeiro lugar, deixouse claro o apoio total ás asociacións de hostalería das provincias afectadas para canalizar de maneira segura, a través delas, as axudas e achegas económicas. “A súa presenza sobre o terreo, a proximidade cos afectados e as conexións coas administracións públicas posibilitarán unha xestión máis eficaz”, afirma Real.
En segundo lugar, destinaranse dúas achegas económicas á Federación Empresarial de Hostelería de Valencia e á Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Albacete.
Por último, a gala dos Premios Nacionais de Hostelería, que terá lugar o próximo 12 de novembro en Oviedo, converterase nun acto de apoio e solidariedade con todos os damnificados polas terribles inundacións.
Cheché Real engade que “Hostelería de España, confederación á que pertence a Apehl, está á disposición de todas aquelas asociacións e empresas provedoras interesadas en promover iniciativas de apoio”.