13.05.2021. A Confederación Galega de Empresarios de Hostalería e Turismo (HOSTELERÍA DE GALICIA) mostra a súa preocupación ante o intento do goberno de solucionar posibles situacións de risco recomendando restricións para o sector en forma de limitación de horarios e aforamentos, tal como expuxo a Ministra de Facenda, María Jesús Montero, tras o Consello de Ministros, cando declarou que o ordenamento xurídico contempla medidas “que non teñen por que afectar os dereitos fundamentais, como pode ser regular os horarios de apertura de establecementos, como o lecer nocturno, que é unha competencia autonómica e que é un mecanismo que regula o fluxo das persoas”.
Desde o sector defenden o traballo dos Tribunais Superiores de Xustiza que están a actuar con sentido común, esixindo dous elementos claves como son a xustificación e a proporcionalidade das medidas que se poidan aplicar.
Para analizar a situación hai que ter en conta que a realidade territorial é moi diferente e, entendendo que as CC. AA. apliquen medidas no ámbito das súas competencias, o goberno central ten que avogar por solucións como a aplicación de vacinas a colectivos laborais e xustificar tecnicamente as medidas, que é o que os Tribunais lle recriminan.
HOSTELERÍA DE GALICIA continúa reclamando o inicio dunha etapa de certeza para asegurar a senda da recuperación necesaria tras máis dun ano de restricións. Pechar a hostalería só acrecenta a concentración en espazos como as rúas e as praias. É fundamental levar a cabo unha apertura ordenada que axude a reducir a presión e o cansazo da poboación ante a pandemia, e á súa vez axude a conter o virus. Aplicar toques de queda xeneralizados para atallar problemas illados de botellón non ten ningunha lóxica de cara a mellorar a situación da hostalería.
Unha nova criminalización do sector non se correspondería coa realidade, e só empuxaría a unha maior destrución do tecido empresarial hostaleiro, que necesita escenarios claros que poñan fin á incerteza, cunhas axudas directas que cheguen urxentemente aos afectados, medidas necesarias en todo o país, o pasaporte COVID-19 para salvar o sector turístico, agora que a UE xa propuxo aos seus 27 Estados membros permitir o ingreso de viaxeiros plenamente inmunizados; e plans específicos para a recuperación do lecer nocturno que permita salvar os negocios que resistiron este ano de paro absoluto.