APEHL

Hostelería de Galicia reclama ao estado máis facilidades de acceso ás axudas dos plans de rescate e que os cartos de Galicia se queden na comunidade

07.02.2022. Hostelería de Galicia, integrada polas asociacións provinciais de hostalería e turismo da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, reclama ao Estado máis facilidades de acceso ás axudas dos plans de rescate e que os cartos que corresponden a Galicia se queden na comunidade e, polo tanto, se dirixan ao tecido empresarial galego afectado pola covid-19, cumprindo, deste xeito, co obxectivo comprometido para estes apoios.

A confederación empresarial solicita que os case 70 millóns que, segundo a Xunta, non puideron executarse dos fondos asignados polo Estado para os plans de rescate non teñan que ser reintegrados ao Estado. Tamén reclama que simplifique o procedemento, de xeito que  permita á Administración autonómica galega flexibilizar os requisitos para que os fondos cheguen ás actividades económicas máis prexudicadas pola pandemia.

Segundo afirma o presidente de Hostelería de Galicia, Cheché Real, os requisitos esixidos polo Estado para acceder ás axudas “son demasiado difíciles de cumprir e cunha sobrecarga burocrática excesiva que provoca que se envíen menos solicitudes das que se realizarían se os trámites fosen máis accesibles para os demandantes”.

Hostelería de Galicia pide ao Goberno Central, polo tanto, que deixe máis marxe de manobra ás autonomías e poidan así chegar todos os fondos destinados aos plans de rescate a quenes teñen que chegar, “aos hostaleiros que sufriron os prexuízos da pandemia”.

Real insiste en que “nin Galicia, nin o sector da hostalería e o turismo, poden permitirse o luxo de prescindir de 70 millóns de euros. É necesario que o Estado reasigne ese diñeiro de novo á comunidade, flexibilizando os criterios que se levan esixido ata o de agora e permitindo que a Xunta promova un novo plan de rescate para este ano 2022”.