El Boni, gañador da última edición celebrada en 2019, foi o lugar elixido para dar pistoletazo de saída ao certame gastronómico no que participan un total de 38 locais.
05.11.2021. A concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, xunto ao delegado de Estrella Galicia en Lugo, Pedro Gay, inauguraron esta mañá en El Boni a décimo sexta edición do Concurso de Tapas de Lugo, que comeza hoxe ata o 21 de novembro. A final terá lugar a fin de semana seguinte, 26, 27 e 28 de novembro.
Un ano máis, o certame está organizando pola Apehl, co patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de Estrella Galicia.
Durante o acto, o cociñeiro de El Boni, José Luis Pardo, explicou a tapa que presentará este ano aos seus comensais, O segredo da Maruxaina, un espeto de lagostinos cociñados en salsa laksa de mexillóns acompañado de pan naan, que é homenaxe a todos os mariñeiros lucenses.
FUNCIONAMENTO DO CONCURSO
Como vén sendo habitual, os prezos das tapas estarán entre 2 e 3 euros e poderanse degustar, como mínimo, de 13:00 a 15:30 h e de 20:00 a 22:30 h.
Os consumidores votarán as tapas do concurso mediante o cupón de votación individual, que terá que ir selado polo establecemento correspondente e cuberto cos seus datos. A valoración é do 1 ao 5, sendo 1 a nota máis baixa e 5, a máis alta. Todos estes cupóns entrarán no sorteo de distintos premios, ceas e vales do Burela FS, do CB Breogán, do CD Lugo, do Emevé Lugo e do Ensino Lugo.
Ademais, todos os locais terán a disposición dos clientes os folletos-pasaporte, que os consumidores deberán selar para poder participar nos sorteos desta edición. Se o folleto-pasaporte está selado como mínimo por 10 establecementos participantes optarase á experiencia “Saborea a Costa da Morte”, que consistirá nunha estancia de dúas noites para dúas persoas e menú degustación, e se o folleto-pasaporte está selado como mínimo por 20 establecementos participantes optarase a unha viaxe dunha semana para dúas persoas a Gran Canaria.
PREMIOS
O público será o encargado de seleccionar o gañador do concurso así como as 12 tapas finalistas. Farao a través dos cupóns de votación que poderá depositar ata o 21 de novembro nas urnas dispoñibles en todos os locais.
Por outra banda, un xurado profesional encargarase de escoller durante os días da final, nos que as 12 tapas finalistas estarán nesta ocasión a disposición do público xeral, cinco títulos máis: primeiro premio, segundo premio, terceiro premio, mellor maridaxe Estrella Galicia e mellor maridaxe Ribeira Sacra.
LISTADO DE PARTICIPANTES
Os 38 establecementos que participan nesta edición do Concurso de Tapas de Lugo son os seguintes:
Toda a información do certame está dispoñible na web www.xantardetapas.com.