APEHL

A Apehl amplía as súas peticións aos 67 Concellos da provincia de Lugo para que a volta á actividade dos establecementos de hostalería sexa viable

08.05.2020. "Vímonos na obriga de solicitar ao conxunto de Concellos da provincia de Lugo, a súa axuda e colaboración con diferentes medidas, que consideramos de vital importancia para poder subsistir en mellores condicións, cando a normalidade regrese á nosa sociedade", indica Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

Aínda que cada vez está máis preto a apertura dos negocios de hostalería, esta non será nas mesmas condicións de hai dous meses. Un dos nosos obxectivos é manter os empregos que había antes do 14 de marzo, xa que detrás dos establecementos tamén hai familias que necesitan que se volva aos postos de traballo, pero para que isto sexa unha realidade necesitamos a colaboración e implicación de todas as administracións.

Apehl quere agradecer todas as medidas que varios dos Concellos da provincia adoptaron para axudar a todos os establecementos, pero o sector necesita que algunha destas medidas amplíense. Enumeramos as peticións:

  • Todas as  taxas e impostos municipais vinculadas cos establecementos de hostalería sexan 0 €, por exemplo veladores, lixos, imposto de circulación, etc. Solicitude de moratoria de IBI durante o 2021.
  • Posibilidade de utilizar máis espazos en terrazas, onde nunca se valoraron poñelas, para favorecer o mantemento do emprego.
  • Ampliación de horario en bares, restaurantes e terrazas.
  • Facilitar a colocación de mesas altas, barrís nas fachadas daqueles que teñen menos espazo na vía pública.
  • Peonalizar rúas para pór e ampliar veladores.
  • Facilitar a xestión e trámites de terrazas, para a súa concesión.
  • Lanzar liñas de axudas directas aos sectores máis castigados, como é a hostalería e o turismo.

Desde Apehl esperamos que en breve nos podamos ver nos bares, restaurantes e hoteis con total normalidade, pero ata que ese momento chegue necesitamos o apoio de distintos ámbitos, tamén dos cidadáns e asociacións de veciños aos que pedimos comprensión, xa que se trata de medias temporais para axudar ao sector da hostalería na súa recuperación que repercutirá positivamente en toda a economía da provincia.