1.12.2025. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo fixo esta mañá a entrega de diplomas para os participantes que asistiron ao curso certificado A Volta ao Mundo en 40 viños, que nesta edición tivo lugar, en colaboración coa Deputación de Lugo, no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos.
No acto ligado a esta formación, que rematará mañá cunha viaxe pola Ribeira Sacra visitando adegas e a olería de Gundivós, e deu comezo o pasado 17 de novembro, estiveron o presidente da Apehl, Cheché Real; o director do Instituto Galego do Viño (Ingavi), centro responsable da formación, Xoán Cannas, e a deputada da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García.
Cun total de 40 viños do mundo e 50 horas formativas, os alumnos repasaron temáticas como a historia do viño no mundo e o método Ingavi de análise sensorial; xeografía vitivinícola, mapas de viño no mundo e cultura do viño; cata profesional de viños, e explicación de varias referencias de viños galegos, nacionais e internacionais.