APEHL

A Apehl clausura en Vilalba o curso Certificado en Cultura de Viños do Mundo coa entrega de diplomas

26.11.2024. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo fixo esta mañá a entrega de diplomas para os participantes que asistiron ao curso Certificado en Cultura de Viños do Mundo, patrocinado pola Deputación de Lugo, que nesta edición tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba.

No acto ligado a esta formación, que rematou hoxe e deu comezo o pasado 11 de novembro, estiveron o presidente da Apehl, Cheché Real; o director do Instituto Galego do Viño (Ingavi), centro responsable da formación, Xoán Cannas, e a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

Cun total de 40 viños internacionais, 50 horas formativas e unha viaxe á Ribeira Sacra, os alumnos repasaron temáticas como a historia do viño no mundo e o método Ingavi de análise sensorial; xeografía vitivinícola, mapas de viño no mundo e cultura do viño; cata e explicación de varias referencias de viños galegos, nacionais e internacionais, e profundización na cata profesional de viños coñecendo o mercado e as súas tendencias a través de varias referencias de viños do Novo Mundo.