18.03.2021. Desde a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) seguen traballando por e para o sector a pesar da etapa difícil pola que se está atravesando. Hoxe lanzan nas súas webs e redes sociais o vídeo Sin ti no soy nada no cal se fai unha breve reflexión do último ano, de todas as iniciativas levadas a cabo polo sector hostaleiro e que pretende transmitir, a través da canción do mesmo nome de Amaral, unha mensaxe de positividade e esperanza para saír desta crise.
O presidente da Asociación, Cheché Real, destaca que “foron meses de adaptación ás distintas medidas e de loita constante contra as adversidades económicas que trouxo consigo esta situación. Desde o primeiro momento acompañamos aos nosos socios enviando información puntual nunha situación que cambiaba diariamente e fixéronse xestións con todas as administracións, tanto locais como autonómicas e estatais para reclamar as axudas para o sector”.
Para descargas: https://vimeo.com/525493680
Recordan estes últimos doce meses de duro traballo no que “compartimos con todos a información, atendemos infinidade de consultas, asistimos a un sinfín de reunións telemáticas e presenciais e puxemos en marcha diferentes campañas para estar ao día da situación, reivindicar as necesidades do sector e tamén enviar mensaxes de ánimo a todos os nosos hostaleiros”, remarca Real.
“O traballo continúa –engade– e queremos mostrar o noso agradecemento a todos aqueles que nos apoian, aos nosos asociados e aos clientes por seguir aí. Este vídeo reflexa a actividade realizada pola Apehl neste tempo e queremos que o gocedes tanto como nós ao facelo”.
O vídeo pode verse en apehl.org e eparacomerlugo.com e nas redes socias, tanto en Facebook, como Twitter e Instagram.