27.01.2025. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) acaba de ser seleccionada como finalista do III Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos, que organiza Hostelería de España durante a celebración do Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión, que se está a celebrar esta semana en Madrid.
A competición celebrou durante a xornada de hoxe a súa primeira parte, na que participaron 31 establecementos hostaleiros en representación das asociacións e federacións provinciais de hostalería.
A provincia de Lugo defendeu, co patrocinio do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, Cafés Candelas, Estrella Galicia, Aceite de Quiroga, Pemento de Mougan, Transportes Valín e Montepicato, a súa candidatura da man do cociñeiro José Luis Pardo, quen, acompañado pola súa axudanta Auriana Macías, presentou a proposta Petisco Larpeiro, un tartar de vieira con crema de aguacate, espuma de xamón de Porco Celta e tomate semiseco sobre New York roll.
A fase final do campionato terá lugar mañá e os seis finalistas, en representación da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), a Asociación Hostalería e Turismo Ciudad Real, Restauración Mallorca CAEB, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Salamanca, a Asociación de Hostalería e Turismo de Albacete e a Asociación de Empresarios de Restaurantes de Zaragoza y Provincia (Horeca), rivalizarán por gañar o premio á Mellor Tapa/Pincho.