APEHL

A Apehl, finalista do IV Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos co cociñeiro José Luis Pardo, do restaurante El Boni

  • Tras superar a primeira rolda de hoxe na que participaron 34 asociacións, mañá loitará polo título á Mellor Tapa/Pincho de España.

26.01.2026. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) acaba de ser seleccionada como finalista do IV Campionato Oficial Hostelería de España-Tapas e Pinchos, que organiza Hostelería de España durante o Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión, que está tendo lugar esta semana en Madrid.

A competición celebrou durante a xornada de hoxe a súa primeira parte, na que participaron 34 establecementos hostaleiros en representación das asociacións e federacións provinciais de hostalería.

A provincia de Lugo defendeu, co patrocinio do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, Cafés Candelas, Estrella Galicia, Aceite de Quiroga, Pemento de Mougán, 2.i, Merluza de Burela e Transportes Valín, a súa candidatura da man do cociñeiro José Luis Pardo, quen, acompañado pola súa axudanta Verónica Díaz, presentou a proposta “Ostra, qué merluza de Burela”, un trampantojo de falsa ostra feita de galleta de tinta de lura, rechea de gaspacho de gilda elaborado con aceite de oliva de Quiroga, merluza do pincho de Burela cociñada a baixa temperatura e ovas de troita, finalmente coroada cun aire de carabinero.

A fase final do campionato terá lugar mañá e os finalistas rivalizarán por gañar o premio á Mellor Tapa/Pincho.