APEHL

A Apehl firma co grupo Isonor un convenio de colaboración que aportará novas posibilidades para a dixitalización dos socios

13.06.2023. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) e o grupo Isonor formalizaron hoxe a firma dun convenio de colaboración entre ambas as entidades para así pór a disposición de todas as empresas do sector a posibilidade de mellorar as súas competencias a través da dixitalización e a presenza en redes sociais.

No acto estiveron presentes Francisco Javier Romay, director comercial de Desenvolvemento Territorial no grupo Isonor; María Luz Pérez, directora de Desenvolvemento Territorial no grupo Isonor; Jorge González, CEO do grupo Isonor, e Cheché Real, presidente da Apehl.

Grazas a esta colaboración, os profesionais do grupo Isonor, como axentes dixitalizadores, poderán tramitar as axudas do Kit Dixital para a realización de páxinas web, comercio electrónico, posicionamento SEO, xestión de redes sociais e ciberseguridade, entre outras opcións dispoñibles.

Esta empresa, con capital 100 % galego, suma máis de 25 anos de experiencia en consultoría e, desde a delegación de Lugo, xestionan tanto a Dirección Provincial como a Dirección de Desenvolvemento Territorial fóra da comunidade autónoma galega. Ademais, cabe destacar que contan cunha estrutura sinxela, áxil e próxima, que está comprometida e sensibilizada coa contorna e que trata de axudar e acompañar ás empresas no cumprimento normativo, a mellora continua e a dixitalización.